A Xunta somete a participación pública o Plan de xestión do monumento natural A Carballa da Rocha

Todas as persoas interesadas poden enviar as súas alegacións ou suxestións preferentemente por correo electrónico ou a través do formulario habilitado a tal fin desde hoxe ata o vindeiro 21 de agosto

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia someterá durante un mes ao procedemento de participación pública a memoria preliminar do Plan de xestión do monumento natural A Carballa da Rocha. 

Tal e como se recolle no anuncio publicado no DOG, desde hoxe, xoves, 20 de xullo, e ata o vindeiro 21 de agosto poderase consultar toda a documentación no portal de transparencia da Xunta e na páxina web da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda co fin de que todas as persoas interesadas poidan enviar as súas alegacións ou suxestións preferentemente por correo electrónico ou a través do formulario habilitado a tal fin. 

Con este paso arranca de forma oficial a tramitación do futuro plan de xestión, que se enmarca na Axenda dos Monumentos Naturais de Galicia ratificada polo Consello da Xunta o pasado mes de abril e que ten como obxectivo que o 100% deste tipo de espazos protexidos teñan en marcha os seus instrumentos de planificación este ano. 

Así, este instrumento de xestión permitirá facer unha diagnose precisa do estado deste espazo natural e dos valores que é necesario protexer e, a través desta recompilación de información, establecer as medidas de planificación e xestión que permitan asegurar o seu mantemento nun estado de conservación favorable. 

Deste xeito, este espazo protexido localizado no concello de Rairiz da Veiga, na provincia de Ourense –que conta cunha superficie de 0,64 hectáreas e inclúe tanto a Carballa da Rocha, fermoso exemplar de Quercus robur L., que acada os 31,3 m de altura, coma outros carballos de tamén notorias dimensións- será o sexto monumento natural galego que se dotará dun instrumento de planificación propio. 

O novo instrumento de xestión, que terá vixencia indefinida, deberá incluír a delimitación do seu ámbito de protección; os posibles riscos que poidan afectar aos seus valores naturais; os obxectivos de conservación; ou as normas de uso e aproveitamento do solo e os recursos naturais.

Así mesmo, o futuro plan tamén incluirá as normas relativas ao uso público, así como as actividades científicas e educativas a desenvolver; a programación de actuacións a desenvolver; o programa de seguimento; a identificación das medidas para garantir a conectividade ecolóxica, establecendo e restablecendo corredores con outros espazos naturais de singular importancia para a biodiversidade e os instrumentos orzamentarios para cumprir os fins perseguidos coa súa declaración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2023