A Xunta fomenta o desenvolvemento das indicacións xeográficas protexidas de viños de Galicia e salienta a calidade dos seus produtos

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou na xornada de promoción das indicacións xeográficas protexidas (IXP) dos viños de Galicia

Neste encontro avanzouse nun plan conxunto entre as diferentes áreas vitivinícolas para elaborar canles de colaboración entre as cinco IXP galegas

Boqueixón (A Coruña), 20 de xullo de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou esta mañá no Pazo de Quián, na localidade coruñesa de Boqueixón, no encontro entre as diferentes indicacións xeográficas protexidas (IXP) de viños de Galicia. O obxectivo desta xuntanza, organizada por varios grupos de desenvolvemento rural (GDR), foi o de avanzar na posta en marcha dun plan de dinamización e desenvolvemento destas áreas vitivinícolas galegas, que se corresponden coas IXP Ribeiras do Morrazo, Barbanza e Iria, Betanzos, Val do Miño-Ourense e Terras do Navia.

En concreto, os seis GDR participantes nesta iniciativa de intercooperación son os de Pontevedra-Morrazo; Montes e Vales Orientais (da provincia de Lugo); Comarca de Ourense; Salnés, Ulla, Umia; Deloa (da zona norte da Ría de Arousa) e Mariñas Betanzos.

Neste encontro, José Luis Cabarcos salientou a importancia de implementar esta estratexia de promoción das IXP, para que estes viños poidan ser recoñecidos dentro e fóra de Galicia. Deste xeito, elaborouse un plan para impulsar o sector vitivinícola en cada un dos seus territorios, co fin de favorecer o posicionamento das indicacións. Por iso mesmo, acordouse tamén a celebración de diferentes accións de promoción de cada un destes viños nas catro provincias galegas.

Así, optouse por establecer canles de colaboración entre as cinco zonas protexidas de viños de Galicia para fomentar a cooperación e lograr unha estratexia de dinamización conxunta. Neste senso, o director da Axencia salientou que estas novas estratexias van contribuír a mellorar a protección destas zonas e a aumentar o número de produtores, así como a converterse nun piar de crecemento e xeración de riqueza nos seus territorios. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2023