A Xunta pon en valor as catro liñas das axudas Emega para o fomento do emprego feminino e de medidas de conciliación persoal, familiar e laboral

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, visitou hoxe na Coruña unha escola de música beneficiaria de 15.000 euros no marco destas achegas

Lembrou que este ano o orzamento do programa increméntase en case un 10% con respecto a 2022, ata superar os 4,8 millóns de euros, e que o prazo de solicitude remata o próximo 7 de agosto

As catro liñas do programa inciden na posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres ou na reactivación das existentes, no apoio a iniciativas empresariais innovadoras e na conciliación tanto das mulleres promotoras como das traballadoras

A Coruña, 20 de xullo de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, puxo hoxe en valor as catro liñas do programa Emega de fomento do emprendemento feminino, que cun orzamento superior aos 4,8 millóns de euros prevé outorgar este ano unhas 370 axudas grazas a un orzamento case un 10% superior ao do ano pasado. Foi durante a visita a unha escola de música no barrio de Novo Mesoiro que recibiu 15.000 euros no marco deste programa. No conxunto da comarca da Coruña, o ano pasado creáronse 84 postos de traballo coa concesión de 40 axudas por un importe de máis de 529.000 euros.

Na visita, Vázquez recordou que as axudas Emega permiten incrementar a presenza feminina no mercado laboral galego apoiando a posta en marcha, a mellora e a activación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres. Tamén medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial.

En concreto, as catro liñas do programa son as seguintes: Emprende, con incentivos para a posta en marcha de novas empresas por parte de mulleres desempregadas e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea; Activa, para favorecer a reactivación e consolidación de proxectos empresariais impulsados por mulleres ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade; ITEF, que pon o foco no apoio a iniciativas empresariais con carácter innovador, con contido científico ou de base tecnolóxica promovidas por mulleres; e a liña Concilia, complementaria das tres anteriores, para axudar tanto ás mulleres promotoras como ás traballadoras ao seu cargo na súa conciliación. 

No caso concreto da escola ¡Música Maestro!, a secretaria xeral apuntou que a axuda de 15.000 euros recibida no marco do programa Emega apoia unha iniciativa que cualificou de pioneira na cidade da Coruña, ao instaurar unha educación programada para a etapa adulta desde o nivel 0 ata o perfeccionamento e acumulando máis de 150 alumnos.

Beneficiarias do programa Emega

Para resultar beneficiarias, as mulleres emprendedoras deben liderar  unha microempresa ou pequena empresa validamente constituída e domiciliada en Galicia. Entre outros requisitos, deben manter vinculación laboral co proxecto que, á súa vez, ten que ser viable económica, técnica e financeiramente.

Á hora de distribuír as axudas, teranse en conta, entre outros criterios, o emprego feminino xerado e/ou mantido por conta propia ou allea de carácter indefinido, a pertenza a sectores económicos nos cales as mulleres estean infrarrepresentadas, a contribución á integración laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero, con discapacidade ou desempregadas de longa duración ou se a actividade empresarial está dedicada á prestación de servizos de conciliación.

Cualificado como boa práctica pola Unión Europea, o programa Emega conta con 27 anos de traxectoria en Galicia. O pasado 2022 concedéronse ao abeiro deste programa 346 axudas en Galicia, que deron lugar a 619 empregos femininos de carácter estable, dos que 396 foron empregos novos e 223 mantidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2023