A Xunta colabora na mellora da escola habanera Roupar para o uso como centro sociocultural da asociación de veciños

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou o local social no que a Xunta colaborou no acondicionamento e na dotación de equipamento

Natalia Prieto puxo en valor o traballo destes colectivos a prol da dinamización do movemento veciñal e da mellora da vida local

Xermade (Lugo), 20 de xullo de 2023

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe en Xermade a escola habanera Roupar, local social da asociación de veciños do mesmo nome. A Xunta colaborou no acondicionamento e na dotación de equipamento deste edificio emblemático do municipio que funciona actualmente como centro sociocultural por parte da entidade veciñal.

A través das axudas do Plan específico de acción comunitaria dotouse de novos espazos destinados ás actividades da asociación mediante unha edificación anexa respectando o valor patrimonial do inmoble. Situado xunto á igrexa parroquial e construído na segunda década do século XX, a escola habanera Roupar é un símbolo da preocupación pola cultura dos emigrantes desta parroquia.

Natalia Prieto lembrou que, mediante as subvencións deste plan, colabórase en actuacións nos espazos de asociacións de veciños e de mulleres rurais da comunidade, así como nas traídas de auga das comunidades de usuarios de auga. Deste xeito, contribúese a que estas entidades poidan levar a cabo as súas actividades que redundan na dinamización do movemento veciñal e a mellora da calidade de vida local. Ademais, son as organizacións máis próximas á cidadanía para atender e canalizar as súas demandas. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2023