A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou hoxe aos participantes nesta actividade, que forma parte da Campaña de Verán

A Xunta dá a coñecer entre a xente máis nova o patrimonio natural e cultural de Foz a través dun minicampamento

Os nenos, con idades comprendidas entre os 10 e 14 anos, conviven durante cinco días nun establecemento turístico do municipio e realizan actividades de praia, sendeirismo ou obradoiros, entre outras propostas

Foz (Lugo), 20 de xullo de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, estivo hoxe cos participantes na segunda quenda do minicampamento ‘A conquista de Foz’, centrado en actividades de multiaventura e de coñecemento do patrimonio tanto natural como cultural deste concello. Esta actividade forma parte do programa ‘Coñece Galicia’, no que nenos de 10 a 14 anos desfrutan de estadías de luns a venres en aloxamentos turísticos das catro provincias.

 

Nesta actividade que se desenvolve en Foz, os nenos realizan rutas de sendeirismo, obradoiros creativos, teatro, medallóns vikingos e actividades na praia, entre outras propostas. Na xornada de hoxe, estiveron a facer un xogo polo pobo que consistiu en atopar pistas sobre a conquista de Foz, así como unha visita ao centro de interpretación da Mariña Lucense.

 

A directora xeral destacou a importancia dos minicampamentos para que os máis novos coñezan novos lugares e aprendan sobre a riqueza e o patrimonio natural de Galicia ou o coidado do medio ambiente. ‘Coñece Galicia’ oferta un total de 600 prazas distribuídas en 12 programas e instalacións diferentes. Este ano ampliouse con dúas novas propostas nos concellos de Cenlle, en Ourense, e A Lama, en Pontevedra.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2023