A Xunta subliña en Ferrol a aposta do comercio galego pola transformación dixital e sustentable

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, visitou hoxe a boutique Coquette, que realizou melloras de eficiencia enerxética no marco do programa do Fondo Tecnolóxico

Ferrol, 20 de xullo de 2023

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, salientou hoxe en Ferrol a aposta do comercio galego pola transformación dixital e sustentable dos establecementos. Heredia visitou a boutique Coquette, que realizou melloras de eficiencia enerxética, centradas na instalación de sistemas de climatización, no marco do programa do Fondo Tecnolóxico.

A través da primeira edición desta iniciativa, que se desenvolve no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next GenerationEU, a Administración autonómica concedeu apoios por un total de 1,3 millóns de euros, dos que se benefician 75 pemes e 12 asociacións de comerciantes de toda Galicia.

O pasado mes de maio activouse unha segunda edición, con apoios por 3,8 millóns de euros e que está nestes momentos en fase de resolución, unha vez pechado o prazo de presentación de solicitudes.

No caso dos comercios, entre outras actuacións, financiaranse aplicacións de big data e análise de datos para mellorar a experiencia da clientela; sistemas de click and collect e locker dixitais; etiquetado electrónico para liñais de venda; probadores interactivos; asistentes virtuais (chatbots) ou aplicacións de realidade virtual e aumentada. Os comerciantes tamén poden acceder a apoios para, entre outras actuacións, instalar sistemas de climatización enerxeticamente eficientes e sensores de presenza para a regulación automática de luces.

No que respecta ás asociacións de comerciantes, poderán destinar as axudas á instalación de mupis dixitais, redes wifi nas áreas comerciais, procesos ecoeficientes para a correcta separación de residuos ou proxectos para mellorar a eficiencia enerxética, entre outros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2023