O selo de Galicia Calidade certifica os produtos da empresa apícola Melías

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregaron aos responsables da compañía de Oza-Cesuras a certificación e a nova sinalización que identifica ás empresas adheridas ao selo de garantía da Consellería de Economía, Industria e Innovación

Oza-Cesuras (A Coruña), 20 de xullo de 2023 O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, reuníronse hoxe con responsables da empresa Melías nas súas instalacións de Oza-Cesuras para entregarlles a certificación que acredita a posesión do selo de garantía de Galicia Calidade, que permite á empresa engadir o distintivo nas diferentes accións para a súa promoción comercial, así como incluír a nova sinalización na súa fachada.

Melías é unha empresa apícola familiar que se dedica á elaboración de produtos derivados das colmeas. Os seus meles de alta calidade contan co distintivo de Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. Na xuntanza os representantes da Xunta destacaron o "produto natural e fresco que se recolle desde fai centos de anos", así como o coidado e a atención que se pon na súa elaboración, que permiten ao mel conservar todas as súas propiedades xenuínas.

Galicia Calidade, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, certifica os produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con máis de 150 empresas adheridas, con máis de 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 20/07/2023