O Descenso Urbano Vila de Sarria chega á súa décima edición a finais de xullo co apoio da Xunta

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destaca que este circuíto de referencia a nivel nacional supón “un pulo máis para a dinamización económica e turística da zona”

Sarria (Lugo), 18 de xullo de 2023

A Xunta apoia un ano máis o Descenso Urbano Vila de Sarria, que chega á súa décima edición a fin de semana do 29 e 30 de xullo. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación do programa xunto cos organizadores, o club de ciclismo DH Galicia, e representantes doutras entidades implicadas.

Arias puxo de relevo que esta proba de referencia a nivel nacional atrae a milleiros de espectadores para desfrutar do deporte extremo e do espectáculo, o que supón “un pulo máis para a dinamización económica e turística do concello e para que os visitantes coñezan todos os recursos cos que conta esta zona”. O ano pasado, segundo os datos da organización, as actividades congregaron a unhas 6.500 persoas de público e 175 participantes.

O circuíto contará con máis de 100 módulos de madeira e partirá do campo da feira – o punto máis alto da localidade -, cruzará o casco histórico e chegará ata o paseo do Malecón. Repartirá premios en metálico e recibirá a ciclistas profesionais do máis alto nivel, como Toni Ferreiro, tricampión de España de Descenso e dobre campión nacional de Enduro; ou Eva Castro, dez veces campioa de España de 4X, medalla de bronce en europeo 4X e tres copas do mundo 4X, entre outras.

A organización tamén subliña a ampla cobertura mediática, que nesta edición incrementarase coa retransmitisión a nivel nacional en canais como a Televisión de Galicia (TVG) e Eurosport.

O programa complétase coa terceira carreira de Mini DHU, para nenos e nenas de 3 a 12 anos, e con outras actividades orientadas ao público infantil como skate-park, talleres de graffiti e parkour. Tamén haberá un concurso de Dirtjump, disciplina extrema de saltos acrobáticos que contará coa presenza de grandes corredores internacionais; e varios concertos no centro da vila.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2023