A Xunta aposta polos procesos "PAI" para a atención de patoloxías crónicas que afectan a máis de 400.000 pacientes en Galicia

O conselleiro de Sanidade presentou en Ourense o Proceso Asistencial Integrado para pacientes de enfermidade renal crónica

Unifícanse os criterios de seguimento, xeneralízase a atención nutricional e créase o Código Fístula para reducir os tempos de reacción ante esta trombose de pacientes en hemodiálise

Paralelamente, trabállase nun algoritmo para a detección precoz que identificou xa máis de 200 pacientes na súa proba piloto
 

Ourense, 19 de xullo de 2023 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou este mediodía en Ourense o cuarto dos Procesos Asistenciais Integrados (PAI) dirixidos a homoxeneizar a atención de patoloxías crónicas que afectan a máis de 400.000 persoas en Galicia. En concreto, deu conta do PAI de enfermidade renal crónica, doenza que alcanza os 230.000 casos.

Acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, e o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Félix Rubial, o titular de Sanidade sinalou que a guía, elaborada coa colaboración da asociación ALCER Galicia, fixa os criterios para o seguimento de cada paciente segundo os resultados das súas probas diagnósticas. Así, determínase cales son os pacientes a seguir en atención primaria e cales son os que deben ser remitidos de xeito directo a un seguimento especializado en nefroloxía, así como a frecuencia recomendada de monitorización e o seguimento mediante consulta.

Seguindo estes criterios, o PAI de enfermidade renal crónica indica que os pacientes cos graos avanzados desta enfermidade necesitan consellos dietéticos complexos e establece a súa atención por parte do persoal de nutrición de atención primaria. “Precisamente para a atención de pacientes crónicos como este caso, a finais do ano pasado, a Xunta incorporou preto dun cento de nutricionistas aos centros de saúde galegos”, lembrou García Comesaña.

Como novo mecanismo de control da progresión da enfermidade, este documento contempla a creación do ‘Código Fístula’. Debido a que a trombose da fístula arterio-venosa é unha das complicacións que poden ter os pacientes en hemodiálise e que o seu resultado pode ter unha incidencia importante na evolución da enfermidade, habilítase este código como unha vía rápida para diminuír o tempo entre a trombose e a súa revascularización.

Algoritmo para a detección precoz da enfermidade renal crónica

Na súa intervención, o conselleiro de Sanidade puxo en valor o proxecto piloto que está a desenvolver o centro de saúde de Mariñamansa cun algoritmo que axuda á detección precoz da enfermidade. “Esta experiencia detectou xa máis de 220 pacientes con datos analíticos de enfermidade renal crónica”, detallou García Comesaña.

Deste xeito, a área sanitaria de Ourense liderou o grupo inicial de profesionais desde o que se desenvolveu o Proceso Asistencial Integrado de enfermidade renal crónica, que se suma ás novas guías de déficit de alfa 1 antitripsina e enfermidade inflamatoria intestinal e á actualización do PAI de enfermidade pulmonar obstrutiva crónica (EPOC).

Data de actualización: 19/07/2023