Cubertas na primeira fase de adxudicación o 83% das prazas de Formación Profesional

A Consellería de Educación pecha a primeira convocatoria e as persoas seleccionadas dispoñen de prazo ata o 24 de xullo para matricularse

Una vez finalizado o período de matrícula da primeira adxudicación, continuarase coas posteriores fases para as prazas que queden vacantes

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2023

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de adxudicar en primeira convocatoria o 83% das prazas ofertadas en ciclos de Formación Profesional para o vindeiro curso 2023-24 tanto de grao medio como superior. A lista definitiva desta primeira adxudicación está publicada no Portal Educativo.  

Agora, as persoas que resultaron seleccionadas nesta primeira fase dispoñen de prazo desde hoxe ata o próximo luns día 24 para efectuar a matrícula no ciclo correspondente. Una vez rematado o período, e seguindo o mesmo procedemento, a Consellería efectuará unha segunda (do 27 ao 31 de xullo) e terceira (do 1 ao 6 de setembro) adxudicación e matriculación para as prazas que continúen vacantes. Unha vez rematadas estas tres fases, haberá unha adxudicación continuada por chamamentos individualizados.

Atendendo ás modalidades, no réxime ordinario presencial foron adxudicadas o 83% das prazas, mentres que no réxime de adultos a distancia e semipresencial esta porcentaxe elévase ao 87% das prazas. No caso do réxime de adultos presencial é do 75%.

A oferta máis ampla da historia

Cómpre lembrar que o vindeiro curso Galicia vai contar coa oferta de FP máis ampla da historia, con 42.174 prazas de novo ingreso, o que supón que a Xunta de Galicia crea 4.500 prazas, un incremento do 12% respecto do ano académico que remata. En total, o catálogo está conformado por 182 titulacións diferentes entre ciclos, másteres de FP ou programas formativos para persoas con necesidades educativas especiais.

Os encontros sectoriais e territoriais do Plan Conecta FP Galicia e o contacto directo cos centros educativos foi a principal vía para elaborar a oferta, atendendo ás necesidades manifestadas tanto polos máis de 300 centros integrados e institutos participantes, como polas 10.000 empresas e 400 asociacións e clústeres que se implicaron no desenvolvemento destas reunións.

Froito da información recabada nestas xuntanzas, deseñouse unha oferta centrada en cubrir todas as necesidades existentes nos territorios, con medidas dirixidas a aumentar o número de prazas no rural, a incrementar o número de sectores, co crecemento en case todas as familias, e a fomentar a FP a distancia, a integración e os programas formativos básicos para o alumnado con necesidades educativas especiais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2023