A Xunta licita por 1,4 M€ a obra de demolición do Hotel de Doentes, necesaria para executar o novo anel perimetral que bordeará o Hospital Público da Coruña

Este novo contrato, cun prazo de execución de 7 meses, ten como obxectivo o derribo do actual edificio que ten 7.691 m2 divididos en 10 andares

Os traballos realizaranse tendo en conta as vías de acceso e están planificados para non interromper o funcionamento do complexo sanitario e minimizar a xeración de pó e ruído

O prazo para que as empresas interesadas presenten ofertas rematará o 1 de setembro

Nunha primeira fase demolerase o volume do salón de actos e unha parte do bloque administrativo; e nunha segunda, o bloque alongado e as demais zonas administrativas

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2023 A Xunta licitou hoxe por 1.390.640 euros as obras de demolición do actual Hotel de Doentes, necesarias para construír o anel perimetral que bordeará o novo Hospital Público da Coruña, o Novo CHUAC.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 1 de setembro. Os traballos contan cun prazo de execución de 7 meses.

En concreto, esta actuación contempla a demolición do actual edificio que conta de 7.691 m2 construídos divididos en 10 andares, dous deles baixo rasante.

As obras obxecto deste contrato realizaranse tendo en conta as vías de acceso e están planificadas para non interromper o funcionamento do complexo e minimizar a xeración de pó e ruído.

En concreto, as obras de demolición levaranse a cabo do xeito máis eficiente e sostible, optando por un criterio de derriba elemento a elemento. Así, os traballos seguirán a orde inversa á que corresponde cunha obra nova, procedendo desde arriba cara a abaixo e procurando que a derruba se realice ao mesmo nivel.

Os traballos de demolición executarase en dúas etapas, derrubando na primeira o volume correspondente ao salón de actos e unha parte do bloque administrativo, composta de 3 plantas, para dispoñer dunha zona máis ampla para a manobra da maquinaria e a realización dos traballos. Na segunda fase acometerase a derriba do resto dos bloques: o chamado bloque alongado e o resto das dependencias administrativas.

Para a execución de cada unha das etapas seguirase un plan de 5 fases empezando pola de desamiantado. Unha segunda fase corresponderá á demolición interior para minimizar as afeccións, xa que se realizará conservando todo o cerramento exterior da fachada. A terceira fase será a demolición exterior, á que lle seguirá a estrutura. A última consistirá na formación dunha plataforma realizada con produtos procedentes da demolición e posterior acabado mediante pavimento asfáltico, realizando un estendido de terra vexetal sobre os taludes para adecuar a área afectada polos traballos. 

Proxecto estratéxico e hospital de vangarda

A demolición do actual Hotel de Doentes, que será reubicado na Torre Polivalente, é necesaria para habilitar o espazo preciso para a execución dos accesos do Novo CHUAC.  

Este é o terceiro contrato do Novo Hospital Público da Coruña que se activa neste mes de xullo, unha vez licitadas as obras da Torre Polivalente o pasado día 10 por 35,1 M€, e este mesmo luns, o contrato de proxecto construtivo e de execución das obras dos accesos por importe de 24,8 M€. 

Trátase, polo tanto, das 3 primeiras obras do novo Hospital Público da Coruña que supoñen un investimento de máis de 60 M€ e xerarán máis de 900 postos de traballo.  

O Novo CHUAC é un proxecto estratéxico e prioritario xa en marcha no que están a traballar, conxuntamente, as Consellerías de Sanidade e de Infraestruturas, cun investimento de máis de 500 M€ para blindar a atención sanitaria da área da Coruña e Cee nas vindeiras décadas, para dar atención a máis de 550.000 pacientes.

Para iso multiplicarase por tres a superficie actual do hospital, pasando dos 85.000 m² actuais a unha superficie construída de case 257.000 m² .

Data de actualización: 19/07/2023