O conselleiro do Medio Rural, José González, supervisou os traballos de roza do futuro polígono agroforestal de Cerdedo-Cotobade

A Xunta pon en valor as case 9.000 hectáreas que están sendo mobilizadas a través dos polígonos agroforestais

Na actualidade, xa son 23 os polígonos agroforestais en distintas fases de actuación existentes na nosa comunidade, dos cales 3 se atopan na provincia de Pontevedra

Un deles, o polígono de Cerdedo-Cotobade, suporá a mobilización de case 68 hectáreas de superficie, repartidas en 1.534 parcelas propiedade de 278 veciños

Tamén están declaradas un total de 21 aldeas modelo na nosa Comunidade, das cales unha está precisamente neste municipio pontevedrés, a de Mouteira-Parada

Desde a entrada en vigor da Lei de recuperación, en maio de 2021, arredor de 10.000 hectáreas de terreo están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria, entre polígonos agroforestais, aldeas modelo e permutas

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 19 de xullo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, do director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e do alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, supervisou esta mañá os traballos de roza que se están levando a cabo no polígono agroforestal de Vilalén-Tomonde. Alí puxo en valor as case 9.000 hectáreas que se están a mobilizar a través dos polígonos agroforestais, un dos instrumentos que impulsa a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia.

Neste senso, o conselleiro lembrou que a nosa Comunidade conta –a día de hoxe- cun total de 23 polígonos agroforestais que se atopan en distintas fases. Estes suporán a mobilización de case 9.000 hectáreas distribuídas en algo máis de 28.600 parcelas propiedade duns 7.800 veciños.

No que atinxe á provincia de Pontevedra, José González indicou que son 3 os polígonos declarados, os cales mobilizarán preto de 235 hectáreas. Precisamente, un deles é o de Cerdedo-Cotobade, que contempla unha superficie de case 68 hectáreas repartidas en 1.534 parcelas propiedade de 278 veciños, cuxo principal uso será a produción de mazá de sidra. Amais, nesta provincia están tamén os polígonos de Mandelos (Crecente) e de Panascos (Tomiño).

Nesta liña, o titular de Medio Rural puxo en valor este tipo de figuras, coas que se consegue recuperar terra abandonada ou infrautilizada de forma sustentable, creando actividade agrogandeira, fixando poboación e anticipándonos aos incendios forestais. Ademais, cómpre sinalar que a mobilización de todos estes terreos faise co consentimento dos propietarios e que a Administración controlará -en todo momento- o acaparamento de terras con sistemas como a limitación da porcentaxe de participación dun mesmo interesado.

Así mesmo, a Lei de recuperación establece que cos polígonos agroforestais poderanse producir cambios de titularidade por compravendas ligadas á posta en marcha do proxecto e tamén contratos de arrendamento entre os propietarios e os interesados en poñer a producir esas terras.

Aldeas modelo

Xunto a estes 23 polígonos agroforestais, Galicia conta tamén con 21 aldeas modelo declaradas. Precisamente, unha delas está no municipio de Cerdedo-Cotobade, en Mouteira-Parada. Dita aldea conta cunha superficie de case 18 hectáreas arredor do núcleo a dinamizar repartidas en 427 parcelas de 109 propietarios. O seu uso principal perfílase para a gandaría en extensivo e a plantación de árbores para a obtención de froito.

Polo tanto, destacou José González, desde que entrou en vigor a Lei de recuperación -en maio de 2021-, en Galicia estanse a mobilizar arredor de 10.000 hectáreas de superficie de boa calidade para promover a súa posta en valor, entre polígonos agroforestais, aldeas modelo e permutas de interese agrario.

Axudas dinamización núcleos

Cabe lembrar que a Consellería sacou unha liña de axudas para levar a cabo proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos locais en aldeas modelo ou nas zonas de polígonos agroforestais. Así, a convocatoria deste ano 2023 conta cun orzamento de dous millóns de euros.  

Precisamente, o concello de Cerdedo-Cotobade foi beneficiario de dúas subvencións. Unha das axudas foi para a creación de beirarrúas en varias rúas da aldea, mellorando tamén o tránsito das persoas con problemas de mobilidade reducida e instalando unha rede de recollida e drenaxe de pluviais. A segunda achega será para a creación dunha pequena praza empedrada e con bancos na entrada da Igrexa e do cemiterio de San Pedro de Parada

Con estas axudas, búscase mellorar a calidade de vida e a contorna habitada dos núcleos rurais vinculados aos instrumentos de recuperación, ao tempo que se melloran infraestruturas para o desenvolvemento de actividade económica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2023