O conselleiro do Medio Rural participou en Santiago de Compostela na inauguración da 40ª Escuela Nacional de Jueces Ganaderos Conafe

A Xunta anima aos gandeiros a usar as ferramentas postas ao seu dispor polo goberno galego para mellorar a profesionalización e a rendibilidade das súas explotacións

José González referiuse en particular aos instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria, ás concentracións parcelarias ou ao Plan de pastos, entre outras utilidades postas a disposición do sector agrogandeiro

Puxo en valor as máis de 9.500 hectáreas que se están mobilizando en toda Galicia con estas ferramentas, que chegan ata as 35.000 hectáreas tendo en conta as concentracións parcelarias

Referiuse á fortaleza que ten o rural galego en materia de calidade, grazas, entre outros factores, ao papel que desempeñan as asociacións como a Federación frisoa galega (Fefriga) ou a propia Conafe a nivel nacional

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, animou hoxe aos gandeiros galegos a aproveitar as ferramentas que a Xunta pon ao seu dispor, -como os instrumentos da Lei de recuperación da terra agraria, as concentracións parcelarias ou o Plan de pastos, entre outros-, para mellorar na profesionalización e na rendibilidade das súas explotacións. En termos semellantes, José González instou tamén aos emprendedores, dispostos a apostar polo rural, a servirse de todas estas posibilidades a prol da remuda xeracional e o necesario rexuvenecemento do sector.

O conselleiro participou en Santiago de Compostela na inauguración da 40ª Escuela Nacional de Jueces Ganaderos Conafe, organizada pola Confederación de asociacións de frisoa española. Así, na súa intervención José González puxo en valor a devandita Lei de recuperación, da que -salientou- tamén está a aprender Europa e achega á comunidade a producións máis sustentables en extensivo con base territorial suficiente. Engadiu ademais que así satisfai a demanda de moitos gandeiros galegos de máis e mellor base territorial.

En concreto, o conselleiro cualificou os instrumentos desta Lei como os mellores aliados para avanzar no cultivo de forraxes -no caso dos polígonos agrarios- ou incluíndo gandaría -nas aldeas modelo-. Nesta liña, o titular de Medio Rural puxo en valor as máis de 9.500 hectáreas que se están mobilizando en toda Galicia con estas ferramentas, que chegan ata as 35.000 hectáreas tendo en conta as concentracións parcelarias

A fortaleza da calidade

No mesmo sentido, José González referiuse á fortaleza que ten o rural galego en materia de calidade. Unha calidade que -dixo- sempre acompaña o sector vacún (tanto de leite coma de carne) e que se explica, entre outras cousas, polo papel que desempeñan as asociacións como a Federación frisoa galega (Fefriga) e a propia Conafe a nivel nacional. Así, destacou compromiso destas entidades coa formación de persoas cualificadas, como os xuíces gandeiros, e coa mellora constante do sector, que permiten que este eido produtivo se eleve a outro nivel e se profesionalice de forma decisiva.

Neste contexto, o conselleiro puxo de relevo as estratexias sectoriais impulsadas pola Xunta -en particular as dos eidos lácteo e cárnico-, que están facilitando a consolidación definitiva destes ámbitos produtivos dentro e fóra de Galicia. Algo no que, engadiu González, está avanzando tamén o Goberno galego para consolidar a profesionalización e rendibilidade do sector, así como a súa excelencia.

De feito, advertiu o conselleiro, garantir esa viabilidade económica gandeira é a principal pretensión da Xunta e, nesta liña, puxo tamén como exemplos as aplicacións web Contaláctea e Contacarne, encamiñadas ambas as dúas a optimizar o cálculo dos custos de produción dos empresarios gandeiros. Así mesmo, cualificou estes dous mecanismos como moi útiles e lembrou que o Goberno galego segue demandando ao Ministerio de Agricultura que se fagan válidos para determinar de maneira fidedigna os devanditos custos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2023