A delegada territorial mantivo esta mañá un encontro co bispo da Diócese Mondoñedo-Ferrol e a directora de Cáritas aos que informou sobre estas ordes de axudas

Martina Aneiros lembra que a Xunta ten aberto o prazo de solicitude de dúas convocatorias de axudas dirixidas a entidades sociais

Trátase, por unha parte, das subvencións para entidades de inclusión social, dotada con 19,7 millóns de euros para os anos de 2023 a 2025 e, pola outra, das axudas con cargo ao 0,7% do IRPF para financiar iniciativas nos ámbitos da inclusión social, da familia e da infancia, da atención aos maiores e as persoas con discapacidade e do voluntariado e a xuventude

Ferrol, 19 de xullo de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, mantivo esta mañá unha reunión co bispo da Diócese Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, e a directora de Cáritas, María Victoria González Rodríguez, na que abordaron algunhas das necesidades detectadas pola entidade na zona.

Durante o encontro, Aneiros aproveitou a ocasión para informar de que a Xunta ten aberto ata o 10 de agosto o prazo de solicitude dunha convocatoria de axudas da Consellería de Política Social e Xuventude a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e de inclusión social, da que Cáritas Diocesana Mondoñedo-Ferrol resultou beneficiaria nos últimos anos.

A través desta orde de axudas, dotada de 19,7 millóns de euros para os anos 2023 a 2025 e cofinanciada con fondos europeos, a Xunta concede aportacións aos programas, centros de acollida, comedores sociais e demais servizos que estas poñen a disposición dos máis necesitados.

Axudas con cargo ao 0,7% do IRPF

Estas axudas víronse ampliadas esta mesma semana a través da orde con cargo ao 0,7% do IRPF, destinada a entidades de distintos ámbitos e da que a delegada territorial tamén deu conta durante o encontro. Neste caso o orzamento inicial ascende a 18,5 M€ que se ampliará en preto de 9,5 M€ en virtude do reparto entre Comunidades Autónomas acordado no último Consello territorial de Servizos Sociais.

Con estes fondos, o Goberno galego financiará iniciativas levadas a cabo por entidades sociais nos ámbitos relacionados coa familia, a infancia e a dinamización demográfica; a inclusión social; a promoción da autonomía persoal e apoio de persoas con discapacidade e aos maiores, ou a xuventude e o voluntariado. Tamén se sufragarán gastos de investimentos referidos a obras de mellora e adecuación de centros e unidades de atención de titularidade social. Neste caso o prazo para solicitar estas axudas finaliza o 18 de agosto.

A delegada territorial destacou o papel que xoga Cáritas na recuperación da autonomía das persoas que están a pasar un mal momento e trasladou o apoio do Executivo autonómico para garantir a viabilidade dos proxectos que levan a cabo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/07/2023