Lete Lasa destaca o gran nivel “deportivo e solidario” da vela galega na presentación da 48ª edición do Trofeo Conde de Gondomar

O Trofeo Conde de Gondomar Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell, organizado polo Monte Real Club de Yates de Baiona e que terá lugar do 22 ao 25 de xullo, porá en liza o Trofeo Conde de Gondomar, o Trofeo Erizana e o Trofeo Carrumeiro Chico entre os preto de cen barcos cruceiros OCR, monotipos Fígaro e J80

Baiona (Pontevedra), 18 de xullo de 2023 O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na mañá de hoxe da presentación da 48ª edición do Trofeo Conde de Gondomar Gran Premio Zelnova Zeltia Banco Sabadell, organizado polo Monte Real Club de Yates de Baiona e que terá lugar do 22 ao 25 de xullo, poñendo en liza o Trofeo Conde de Gondomar, o Trofeo Erizana e o Trofeo Carrumeiro Chico, que con case cen millas de percorrido entre Baiona e a rocha de Corcubión, volverá a ser a proba raíña do trofeo.

Lete Lasa destacou que en total, serán preto de medio centenar de barcos entre cruceiros OCR, monotipos Fígaro e J80, os que se medirán durante as catro xornadas de regatas e que o ano pasado, unha gran parte dos campións foron de grímpola galega. Neste sentido gabou o Trofeo Conde de Gondomar que se celebra de xeito ininterrompido dende 1976 e que rende homenaxe a unha figura tan importante como a de Diego Sarmiento de Acuña, que defendeu a Baiona dun ataque de Francis Drake en 1585.

Hoxe, case cinco séculos despois, dixo, o nivel da vela galega a converte nun referente mundial con once embaixadores olímpicos. O mandatario galego tamén salientou o compoñente social do evento que destinará parte dos seus ingresos á Fundación Igualarte que consta dun centro ocupacional, un centro de día e un programa artístico co que se definen como “un espazo no que as persoas con diversidade funcional poden expresarse de maneira artística”. Ao fío desta idea, Lete Lasa lembrou a Escola de Vela adaptada para persoas con discapacidade física e psíquica que leva a cabo o Monte Real Club de Yates dende hai anos grazas ao apoio da Xunta de Galicia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2023