A Xunta pon en valor a colaboración con Agaca e EspazoCoop para a consolidación das cooperativas e doutras entidades de economía social en Galicia

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe no acto de clausura da xornada de presentación da II edición de ES-Mentoring Acompañando á Economía Social

Destacou que a colaboración comezou en 2022 con 55 persoas mentoras dispostas a apoiar a entidades de economía social e agora lánzase unha nova convocatoria coa que se busca ampliar tanto o número de mentoras como o de entidades mentorizadas

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023 O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe no acto de clausura da xornada de presentación da II edición de ES-Mentoring Acompañando á Economía Social, desenvolvida pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca) e a Unión de Cooperativas Galegas (EspazoCoop) coa colaboración da Xunta. Trátase do segundo ano consecutivo no que se leva a cabo esta iniciativa que busca apoiar a consolidación das cooperativas e doutras entidades de economía social en situación de crise ou cambio nos seus negocios.

O secretario xeral destacou que a colaboración comezou o ano pasado con 55 persoas mentoras dispostas a apoiar a entidades de economía social en diferentes áreas profesionais. Agora, lánzase unha nova convocatoria onde se aspira a ampliar tanto a rede de mentoras coma o número de entidades mentorizadas. Así, na xornada de hoxe participaron representantes de arredor de 30 entidades de economía social.

En concreto, no marco deste programa búscase tecer unha rede colaborativa para que as entidades mentorizadas poidan implantar melloras a partir do coñecemento doutras empresas con éxito e traxectoria ampla nesta fórmula empresarial. Deste xeito, o programa diríxese a negocios que se atopan nun momento de crise ou ben nun proceso de cambio, e que estean interesados en recibir asesoramento sobre como enfocar a situación e poder atopar apoios para mellorar as súas estratexias de negocio.

Entre outras actuacións, no marco de colaboración, celebraranse xornadas de presentación e intercambio de experiencias entre as entidades como a desenvolvida hoxe, campañas de divulgación da economía social e da iniciativa concreta e formación para as persoas mentoras, que realizan o asesoramento. EspazoCoop e Agaca, como entidades con ampla representatividade neste modelo de negocio, encargaranse de realizar a preselección das entidades que se van mentorizar. 

O Goberno galego pretende con este convenio fomentar a consolidación das cooperativas e do resto de entidades da economía social que teñan unha necesidade específica. Trátase de facilitar un asesoramento útil para consolidar un modelo de negocio solidario, que crea emprego de calidade e con arraigo no territorio.

Mediante as actuacións que se realicen na execución deste convenio acadarase o eficaz cumprimento dos fins económicos e sociais que lle son propios a estas entidades, potenciando a súa presenza, crecemento e influencia en todos os campos da acción social, económica e empresarial.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2023