A Xunta lembra que se poden solicitar ata o 2 de outubro os 3,1 M€ en axudas para financiar accións formativas en empresas para persoas desempregadas

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lago, participou hoxe na presentación do Programa de accións formativas de empresas con compromiso de contratación, organizada polo Clúster Alimentario de Galicia

Con esta liña de axudas o Goberno galego promove a mellora da empregabilidade, ao tempo que contribúe a adaptar a cualificación das persoas traballadoras para favorecer a competitividade do tecido produtivo

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2023

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lago, participou hoxe por videoconferencia na presentación do Programa de accións formativas de empresas con compromiso de contratación, organizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).  Así, lembrou que ata o 2 de outubro poden solicitarse os 3,1 millóns de euros en axudas convocados para financiar accións formativas en empresas dirixidas a persoas desempregadas.

A directora xeral apuntou que o sector alimentario pode beneficiarse destas achegas que buscan aumentar as oportunidades das persoas demandantes de emprego, permitíndolles adaptar a súa formación aos perfís que solicitan as empresas. O compromiso de contratación debe ser de polo menos o 60% do alumnado por un mínimo de 6 meses, ou do 40% de se tratar de 12 meses ou máis.

O Goberno galego está a promover con esta iniciativa a mellora da empregabilidade da cidadanía e a contribuír a adaptar a cualificación das persoas traballadoras ás necesidades do mercado para dar cobertura ás vacantes existentes en diferentes actividades. Grazas a estas accións, a empresa atende necesidades de persoal máis inmediatas, que poden vir determinadas pola ampliación da súa actividade ou pola apertura de novas liñas de negocio.

Estes apoios poden ser solicitados por empresas de calquera forma xurídica, agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta e aquelas que sexan entidades con centros de formación inscritos no ámbito laboral. Para accederen ás accións formativas obxecto de financiamento, as persoas interesadas deberán estar inscritas como demandantes no Servizo de Emprego de Galicia e, na data de incorporarse á oferta, a súa situación laboral debe reflectir esa non ocupación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2023