A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou hoxe as actuacións realizadas na contorna do río Xarío, en Miño

A Xunta anima aos concellos das 7 reservas da biosfera a poñer en valor estes espazos como sinal de identidade e atractivo para o turismo sostible

Ángeles Vázquez salienta a importancia de levar a cabo actuacións para mellorar tanto os ecosistemas como o benestar das persoas así como para reforzar estes espazos como destinos turísticos sostibles

Miño (A Coruña), 17 de xullo de 2023 A Xunta de Galicia animou hoxe aos concellos das 7 reservas da biosfera que hai na Comunidade a poñer en valor estes espazos como sinal de identidade e atractivo para o turismo sostible.

Durante a visita que realizou hoxe ao concello de Miño, acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, lembrou que Galicia conta na actualidade con 7 reservas da biosfera, que representan o 35% do territorio galego e suman unha poboación duns 570.000 habitantes repartida entre 86 concellos. Estes espazos protexidos esténdese por un total de 1,03 millóns de hectáreas terrestres, unha superficie tan só superada por Andalucía, que conta con 9 figuras deste tipo cunha extensión de 1,4 millóns de hectáreas.

Nesta ocasión, a conselleira visitou as actuacións que se están realizando na contorna do río Xarío, que está incluído na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, ao abeiro das axudas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation para os anos 2022 e 2023.

Na actualidade estase levando a cabo un proxecto de conservación, xestión da biodiversidade e melloras na contorna. Deste xeito, tal e como explicou a vicepresidenta segunda, o obxectivo é a eliminación de especies exóticas invasoras e alóctonas -tradescantia, eucalipto, herba da pampa, bambú ou robinia-, así como o desenvolvemento de iniciativas de conservación de polinizadores como a colocación de caixas niño ou refuxios para insectos.

A maiores, na liña de apoiar un turismo sostible e de calidade, tamén se están realizando traballos de mellora de conectividade peonil, vinculada á rede de infraestrutura verde do Concello, coa instalación de pasarelas de madeira.

Ademais, no concello de Miño tamén se están levando a cabo as mesmas actuacións na contorna do río Baxoi, dado que ambos espazos constitúen un ámbito de alta prioridade polo papel que xogan os ecosistemas fluviais e costeiros de cara a conseguir un bo funcionamento ecolóxico a nivel global.

De feito, cómpre lembrar que este tipo de actuacións teñen como obxectivo mellorar tanto os ecosistemas como o benestar das persoas así como reforzar estes espazos como destinos turísticos sostibles.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2023