A Xunta desenvolve actividades náuticas e deportivas e unha aula de natureza mariña no campamento de Area, en Viveiro

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe aos nenos e nenas participantes nesta iniciativa enmarcada na campaña de verán do Goberno galego, que oferta 1.780 prazas na provincia

Viveiro (Lugo), 17 de xullo de 2023 A Xunta de Galicia desenvolve actividades náuticas e deportivas e unha aula de natureza mariña no campamento de Area, en Viveiro, que oferta cinco quendas durante os meses de xullo e agosto.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe aos nenos e nenas que desfrutan da súa estadía nestas instalacións desde o pasado sábado ata o vindeiro luns 24 de xullo.

O programa inclúe actividades náuticas como vela, windsurf, esquí acuático, caiac ou snorquel; unha aula de natureza mariña; olimpíadas de terra e mar; diversión na praia con xogos de voleibol, slackline, paddle surf, cometas de tracción e palas. Tamén realizan excursións.

Arias apuntou que a actual campaña de verán da Consellería de Política Social e Xuventude, co lema O verán que sempre vas lembrar, oferta 1.780 prazas en seis instalacións da provincia de Lugo. En total desenvólvense 30 quendas en Viveiro, na Devesa (Ribadeo); Os Chacotes (Palas de Rei); no albergue Benigno Quiroga (Portomarín), no Lugo II (Lugo) e en Carballedo.

Subliñou que o obxectivo destas accións é que os nenos e mozos desfruten das vacacións ao tempo que se lles facilita ás familias un recurso de conciliación durante a tempada de verán.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/07/2023