A Xunta destinará 6 M€ a apoiar investimentos e contratacións de persoas desempregadas no marco das iniciativas emprendedoras

A nova liña destínase ao traballo autónomo, a pequenas e medianas empresas e entidades da economía social con ata 42 meses de existencia
 

A Administración autonómica axudará a financiar investimentos realizados polos emprendedores en equipamento informático, mobles ou reformas de locais con achegas de ata 90.000 euros en función do capital destinado
 

Outorgaranse incentivos de 6.000 euros por cada persoa desempregada contratada a tempo completo mediante contrato indefinido, ou fixo-descontinuo por un mínimo de 9 meses entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2024
 

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da nova liña coa que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade quere apoiar novas iniciativas no traballo autónomo, de pequenas e medianas empresas e entidades da economía social para financiar investimentos realizados por negocios con ata 42 meses de actividade. As achegas poden acadar os 90.000 euros en función do capital destinado e poden complementarse con incentivos de 6.000 euros por cada contratación de persoas en situación de desemprego.

O Goberno galego quere favorecer con esta medida, dotada con 6 millóns de euros para o período 2023-2024, a continuidade e consolidación de iniciativas de emprendemento cunha antigüidade máxima de 42 meses; é dicir, as que xa teñan superado os tres primeiros anos de traxectoria. Con esta finalidade, artéllanse achegas por investimentos, que poden acadar os 90.000 euros en función da súa intensidade, e incentivos á contratación de persoas desempregadas de 6.000 euros por contrato.

As entidades beneficiarias, así, poderán recibir pagamentos de entre 6.000 e 90.000 euros para compensar os seus investimentos de capital (a partir dun mínimo de 10.000 euros) en equipamento informático, mobles, reforma de instalacións, ou bens de equipo de segunda man, entre outros.

Para optaren aos incentivos ao emprego, pola súa banda, deben terse solicitado tamén os apoios ao investimento, polo que ambas as dúas liñas son complementarias. Neste eido, a Xunta de Galicia concederá 6.000 euros por cada incorporación de persoas desempregadas (inscritas como demandantes de emprego no servizo público) coas que se formalice un contrato inicial indefinido a tempo completo, ou un de carácter fixo-descontinuo durante un mínimo de 9 meses a xornada completa entre o 1 de xaneiro de e o 31 de outubro de 2024.

Promoción do Emprego e Igualdade priorizará no proceso de concorrencia competitiva mediante o que se tramitan os apoios, actividades con encaixe no sector industrial, da transformación e/ou comercialización de produtos, servizos do ámbito da economía e dos coidados (garderías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, granxas escola…) ou da formación para o emprego en sectores prioritarios. Tamén recibirán maior valoración as iniciativas con base tecnolóxica, ou de especialización intelixente, as da economía social, as radicadas en contornas rurais, e as que destaquen polo seu compromiso coa igualdade e a presenza de mulleres e polo emprego xerado. 

As axudas poden solicitarse desde mañá e as persoas interesadas disporán dun prazo dun mes, ata o 17 de agosto, para cursaren as súas peticións.

A liña hoxe convocada súmase ao catálogo de apoios aprobados este ano pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade no eido do emprendemento. Neste senso permanece aberto ata o próximo 29 de setembro o prazo para que empresas creadas a partires do 1 de xaneiro de 2021 poidan recibir financiamento para dar cobertura aos investimentos realizados entre o 5 de novembro de 2022 ata a data da solicitude.

A Xunta de Galicia está a destinar a esta liña 7M€ e prevé achegas que van de 3.000 euros para o mínimo investimento financiable (de 5.000 euros) ata os 30.000 euros para a máxima (100.000 euros) para dar cobertura a gastos xa realizados en equipamento informático, melloras da eficiencia enerxética, adquisición de mobiliario, reforma e/ou habilitación de locais ou compra de equipos de segunda man, entre outros.

O Goberno galego, con estas medidas, segue a prestar apoio á consolidación de actividades económicas que contribúan á diversificación económica de Galicia, á creación de emprego de calidade, á sustentabilidade e ao equilibrio territorial.

Data de actualización: 17/07/2023