A Xunta aposta pola estabilidade, a axilidade e a simplificación administrativa como piares do desenvolvemento empresarial

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na clausura do foro empresarial O encontro, organizado polo Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga) no que tamén participaron a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade e o conselleiro do Medio Rural

O Grove (Pontevedra), 14 de xullo de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na clausura de O encontro, un foro empresarial organizado polo Centro de Estudios Universitarios de Galicia (Cesuga), onde salientou a aposta da Xunta pola estabilidade, a axilidade e a simplificación administrativa como piares do desenvolvemento económico. Na segunda e última xornada do evento tamén participaron a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo e o conselleiro do Medio Rural, José González.

O vicepresidente primeiro avogou polo diálogo entre a administración e o empresariado para avanzar na estabilidade financeira e o benestar social e, na mesma liña, destacou a importancia de impulsar medidas que contribúan á seguridade xurídica e faciliten tanto a posta en marcha de novos proxectos como a consolidación dos xa existentes.

O obxectivo é -apuntou- “crear as mellores condicións para que Galicia sexa un polo tractor atractivo para investir e xerar riqueza de xeito fiable e sostible”. Referiuse ademais á reflexión, a análise e o debate compartido entre os sectores público e privado como ferramentas necesarias para xerar confianza e estabilidade. Neste senso, recoñeceu o interese dos foros empresariais para crear espazos de encontro e interacción a prol “dunha Galicia innovadora e sostible”.  

Pola súa parte, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, salientou durante a súa participación na mesa redonda Retos de Galicia: en que debemos cambiar?que a comunidade galega conta con todo ao seu favor para saír airosa dos retos aos que se enfronta ao dispor de recursos para a transición enerxética verde, ser líder en sectores punteiros con moito futuro (o naval, o aeronáutico ou a industria do mar) ou pola súa situación xeográfica que a sitúa como ponte entre América e Europa.

O Goberno galego, puxo en valor a titular de Promoción do Emprego, está a acompañar ás empresas para facilitar o seu asentamento en Galicia, ademais de apoiar ás persoas mozas que queren emprender e de favorecer que o rural “sexa atractivo para vivir e para traballar”, indicou. Nesta liña, Rivo destacou a boa marcha da Rede de polos de emprendemento, que desde hai un ano “está a dinamizar o mercado laboral e a crear emprego de calidade”; e a Estratexia Retorna, coa que a Xunta facilita o regreso de galegos á súa terra de orixe cun contrato de traballo. “Galicia é unha terra de oportunidades e un lugar atractivo para emprender, investir e traballar”, remarcou.

Por outra banda, o conselleiro do Medio Rural, José González, impartiu un relatorio sobre o impacto positivo que están xerando as políticas de desenvolvemento rural postas en marcha pola Xunta. Así, salientou que permitiron recuperar 35.000 hectáreas de terreo en Galicia a través de figuras como as parcelarias, os polígonos ou as aldeas modelo. Ferramentas, explicou, impulsadas a través de textos como as leis de mellora da estrutura territorial de Galicia (Metaga) e de recuperación da terra agraria de Galicia, que -sinalou- se verán tamén reforzadas con futuras normas, actualmente en tramitación, como a Lei da calidade alimentaria ou a Lei de loita integral contra os incendios forestais, a cal completará todo o feito para facer o territorio galego máis resiliente fronte o lume, poñendo especial aceno na prevención.

Toda esta mobilización de terras ten, segundo José González, unha “razón de ser” que pasa por potenciar as producións de calidade. De aí a importancia da futura Lei da calidade alimentaria, que se está acabando de perfilar e que ten como obxectivo dar maiores garantías e impulsar de forma definitiva ás certificacións galegas de calidade. Por último, o titular de Medio Rural puxo tamén de relevo a importancia da planificación, facendo referencia ás diferentes estratexias impulsadas pola Xunta para desenvolver o rural galego. Entre elas, o Plan de pastos e o Programa de recuperación de soutos tradicionais, para continuar coas sectoriais do lácteo, o viño, a carne ou o eido forestal (o Plan Forestal de Galicia), salientando a futura estratexia para a horta e afondando no impulso ao sector forestal a través do Plan estratéxico da industria forestal-madeira.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2023