A Xunta aposta polo benestar laboral que impulsará a futura Lei de igualdade para loitar contra a discriminación da muller no traballo

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou en Lalín na clausura do XVIII Curso de Verán Novas Fronteiras na Igualdade de Oportunidades 2.0: Violencias – Machosfera – Consentimento – Coeducación

Destacou que Galicia se situará á vangarda ao regular na nova norma a sustentabilidade social empresarial, co gallo de que as empresas favorezan a igualdade de oportunidades entre o persoal con independencia do seu xénero

Engadiu que abordar a discriminación entre homes e mulleres require dun enfoque integral que involucre ao conxunto da sociedade e no que a educación debe xogar un papel fundamental

Lalín (Pontevedra), 14 de xullo de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, destacou hoxe que a futura Lei de igualdade regulará como novidade a sustentabilidade social empresarial, co gallo de que as empresas favorezan a igualdade de oportunidades entre o persoal traballador con independencia do seu xénero. Así o dixo na clausura do XVIII Curso de Verán Novas Fronteiras na Igualdade de Oportunidades 2.0: Violencias – Machosfera – Consentimento – Coeducación, que tivo lugar desde o pasado martes en Lalín.

Na súa intervención, a secretaria xeral sinalou que o anteproxecto situará a Galicia á vangarda ao regular a sustentabilidade social empresarial, “para a creación de equipos diversos, multidisciplinares, mellorando a súa competitividade e benestar laboral e converténdose en polos de atracción e retención do talento”. Así, resaltou que “somos a primeira comunidade do Estado en regular este concepto”, co obxectivo de modernizar e revolucionar a cultura empresarial con base nos valores sociais. Porque -engadiu- a sustentabilidade social empresarial é un dos eixos fundamentais “para loitar contra a discriminación da muller no eido laboral e para facer efectiva a verdadeira igualdade de oportunidades”.

Nese senso, a sustentabilidade social empresarial superará conceptos como a responsabilidade social empresarial e aliñará a norma autonómica cos últimos avances normativos a nivel estatal e internacional, así como tamén cos valores ambientais, sociais e de gobernanza que están a rexer os mercados a nivel mundial.

Así mesmo, Sandra Vázquez apuntou que unha das ferramentas máis útiles para poder acabar coa desigualdade é a educación. Nese senso, afirmou que a Universidade e cursos coma este que hoxe se clausura son unha plataforma excelente “para desenvolver un pensamento crítico e para abordar os estereotipos e os roles de xénero”, así como “para fomentar a participación e a acción social, para coñecer mellor o noso pasado e para sentar conscientemente as bases do futuro que queremos”, concluíu.

Data de actualización: 14/07/2023