O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias asistiu hoxe en Lalín á poxa de gando e posterior clausura da Escola de futuros gandeiros

A Xunta reafirma o seu apoio ao sector leiteiro pola súa condición de eido estratéxico para o rural galego

José Balseiros puxo en valor este sector produtivo e lembrou que Galicia é líder nacional na produción de leite e que se atopa entre as principais rexións europeas neste ámbito

Felicitou a Federación Frisona Galega por iniciativas como esta Escola, que contribúen -dixo- a fomentar a remuda xeracional á fronte das explotacións da nosa comunidade

Lalín (Pontevedra), 14 de xullo de 2023

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, asistiu este mediodía en Mouriscade (Lalín) á poxa de gando e posterior clausura da Escola de futuros gandeiros, organizada pola Federación Frisona Galega.

 

Neste acto, o representante da Consellería do Medio Rural quixo poñer en valor o sector lácteo galego e lembrou, neste sentido, que Galicia é líder nacional na produción de leite e que se atopa entre as principais rexións europeas neste eido. Balseiros reafirmou, ademais, o apoio da Xunta a este sector estratéxico do rural galego mediante diferentes liñas de actuación.

 

Así, o director xeral fixo mención á Estratexia de dinamización sectorial, que promoveu o Goberno galego de acordo cos axentes deste eido produtivo. Así mesmo, fixo referencia tamén, entre outras cuestións, ás axudas de plans de mellora e incorporación de mozos, que inciden na mellora do sector e facilitan a remuda xeracional á fronte das explotacións.

 

Precisamente, en relación con este último aspecto -a continuidade das granxas-, José Balseiros felicitou á Federación Frisona Galega, que agrupa as catro asociacións provinciais de control leiteiro (Africor), por iniciativas como esta da Escola de futuros gandeiros. Así, sinalou que este tipo de actuacións contribúen a salvagardar a substitución xeracional no campo con gandeiros profesionais.

 

A Escola de iniciación de futuros gandeiros de Fefriga acadou este ano a súa segunda edición. Tivo lugar nas instalacións do predio de Mouriscade, en Lalín, ao longo de toda esta semana. Nela participaron unha trintena de rapaces e rapazas de entre oito e 17 anos de idade, procedentes de diferentes puntos de toda Galicia.

Data de actualización: 14/07/2023