O conselleiro do Medio Rural presidiu hoxe a clausura da asemblea xeral do Clúster da madeira e o deseño de Galicia
A Xunta pon en valor a colaboración público-privada para impulsar a industria forestal-madeira de Galicia
José González salientou que na nosa comunidade concéntranse máis da metade das cortas de toda España e que o sector galego bate récords de facturación, cunha previsión de chegar aos 2.800 millóns de euros no 2022
Debullou as diferentes medidas da Xunta a prol deste eido produtivo, caso das axudas para fomentar o uso de madeira como elemento estrutural na construción, a Axenda de impulso da industria forestal-madeira ou o Inventario Forestal Continuo de Galicia
O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu hoxe a clausura da asemblea xeral do Clúster da madeira e o deseño de Galicia. Na súa intervención neste acto, González apelou á colaboración público-privada para traballar a prol do sector madeireiro e, por extensión, pola industria forestal-madeira no seu conxunto. Así, evidenciou a potencialidade do recurso endóxeno que representa a madeira para a nosa comunidade e a “potencialidade compartida” de impulsala decisivamente como tal.
Nesta liña, o conselleiro salientou o feito de que en Galicia concéntranse máis da metade das cortas de toda España. Por iso, cualificou como fundamental a devandita cooperación entre o público e o privado e o intercambio de opinións para avanzar na posta en valor das especies forestais de crecemento na nosa comunidade -as nosas especies autóctonas- e na promoción da construción en madeira a través deste recurso local. Unha colaboración que inseriu no Pacto Verde e na consecución dos seus obxectivos no marco da Unión Europea. Así mesmo, José González destacou a importancia e a necesidade de fomentar cadeas de valor que non só non emitan CO2 senón que mesmo xeren saldos positivos ao longo de todo o ciclo de vida dos produtos e engadiu que, neste contexto, Galicia conta cunha clara vantaxe, a madeira. En particular, o conselleiro salientou -ademais do volume de cortas na nosa comunidade, que representan o 53,7% do conxunto de España- que Galicia bate récords en facturación, cunha previsión de acadar os 2.800 millóns de euros no 2022.
Caixa de aforros do rural
Neste sentido, José González sinalou tamén que a madeira técnica pode chegar a triplicar o valor doutros produtos da industria forestal, co correspondente incremento do reparto de rendas aos habitantes do rural galego. Lembrou, por iso, que o monte pode considerarse como a “caixa de aforros” do noso rural e, por extensión, tamén de Galicia. Neste contexto, o conselleiro puxo de relevo que xa son 164 as empresas e particulares beneficiados pola liña de axudas da Xunta convocada no pasado mes de outubro e destinada preferentemente ao impulso de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, dotada cun total de case 2,5 millóns de euros.
Ademais, José González trasladou que a esta convocatoria únense outras liñas destacadas de axuda, como a dirixida aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos, dotada con 9 millóns de euros, unha convocatoria que -salientou- por primeira vez estableceu cinco liñas de acción concretas para asegurar o seu desenvolvemento. Engadiu que nesta orde incorporouse unha liña específica para serradoiros que contiña a posibilidade de dotarse de equipamentos para a clasificación estrutural de madeira ou para a creación de novas liñas de valor, como a produción de viga laminada.
Ao tempo, o conselleiro afirmou que, da mesma forma, as axudas á valoración e á segunda transformación da industria forestal madeira e do contract, dotadas con 2,6 millóns de euros, estableceron liñas específicas, e de novo unha delas dirixida ao impulso da fabricación de mobiliario e ao deseño e fabricación de elementos para a construción. O obxectivo neste caso -sinalou- é seguir a consolidar o segmento do contract en Galicia como punteiro a nivel internacional.
Panca para a promoción privada
En relación co uso da madeira neste eido, o titular de Medio Rural indicou que o ámbito público actúa como “panca para motivar a promoción privada” e puxo como exemplos a colaboración entre o seu departamento e o Sergas ou a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para impulsar a utilización deste produto na construción dos novos centros sanitarios-asistenciais ou nos procesos de rehabilitación. Con respecto a isto último, puxo en valor os recentes traballos de restauración na Catedral de Santiago, centrados na reparación do patrimonio estrutural en madeira existente no templo compostelán. A maiores, o conselleiro recordou que Medio Rural está traballando tamén para executar integramente en madeira as novas bases de unidades operativas -coñecidas como BUO- do dispositivo de extinción de incendios forestais de Galicia.
En adición, José González referiuse á Axenda de impulso da industria forestal-madeira, integrada baixo o paraugas do Plan Forestal de Galicia 2021-2040 “Cara á neutralidade carbónica”. Esta axenda -dixo- consolídase como unha folla de ruta deseñada conxuntamente cos principais axentes para potenciar o sector e impulsar a bioeconomía como motor da competitividade, favorecendo a loita contra o cambio climático, fomentando a planificación preventiva e a xestión forestal sustentable e activa do territorio galego. Algo que, engadiu o conselleiro, toma impulso grazas aos primeiros resultados do Inventario Forestal Continuo de Galicia. Unha ferramenta que, segundo explicou, proporciona mapas precisos sobre a dispoñibilidade real e potencial do recurso e que, polo tanto, facilita a toma das mellores decisións para o futuro do noso bosque e, polo tanto, tamén do noso sector.
En parecidos termos, González trasladou que a Xunta está traballando tamén na posta en marcha dun Plan estratéxico da industria forestal-madeira, unha demanda do propio sector que permitirá aliñar o Plan Forestal coas necesidades da industria, conectando recurso e produto, remarcou.
Nesta mesma liña vai tamén, segundo comentou o conselleiro, a plataforma web xurdida dun proceso de cooperación entre o Clúster e a Consellería, destinada a dar resposta a todos aqueles prescriptores que teñan dúbidas no uso de produtos de madeira en construción e que contará, ademais, co asesoramento e soporte dos expertos do CIS-Madeira. Por medio deste portal -avanzou o conselleiro- difundiranse todas as actividades formativas sobre a materia que as diferentes entidades están a lanzar. Mencionou en concreto os acordos de colaboración co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia ou coa Plataforma de madeira estrutural da Universidade de Santiago de Compostela (Pemade).