A Xunta fomenta a cooperación e formación entre administracións para previr os lumes forestais e protexer o medioambiente
O director xeral de Defensa do Monte participou na mesa redonda sobre as necesidades e oportunidades de educación e formación en incendios forestais
Neste encontro, avaliouse a necesidade de combinar a formación e a comunicación entre diferentes institucións para protexer o medioambiente e os diferentes ecosistemas
O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, participou esta mañá na mesa redonda sobre as necesidades e oportunidades de educación e formación en incendios forestais, que organiza a Universidade de Santiago de Compostela. Este encontro busca pór de manifesto as diferentes ideas e habilidades de educación na loita contra os lumes.
Manuel Rodríguez fixo fincapé na importancia da formación continua e a comunicación para a loita contra os lumes forestais, así como a protección dos diferentes ecosistemas. Nesta mesa redonda, o representante da Consellería do Medio Rural sinalou a necesidade de colaborar entre administracións como piar fundamental contra os incendios.
A formación continúa é unha aposta clara do departamento de Medio Rural que este ano ofrecerá catro programas de cursos e charlas orientados tanto ao servizo antiincendios do Executivo galego, como ao persoal dos concellos que participa na extinción e, tamén, á sociedade do rural.
Plan de formación e prevención na loita contra incendios
Actualmente, segue vixente o Plan de formación aprobado no 2021 para o período 2021-2024 e cuxo obxectivo principal é planificar a formación que se imparte ao persoal que forma o dispositivo de prevención e defensa contra incendios forestais da Xunta. Neste ano 2023 o orzamento previsto para financiar este Plan é de 700.000 euros.
O Plan formativo componse de catro programas, dous deles dirixidos ao persoal do Servizo da Consellería, ao que se lle impartirán un total de 33 cursos de 602 edicións; o terceiro para persoal dos concellos que participa na extinción e o último para a sociedade rural, composto dun mínimo de 40 charlas de concienciación aos habitantes das parroquias de alta actividade incendiaria.