A Xunta enxalza un Parque Tecnolóxico de Galicia que será máis sustentable, dixitalizado e aberto á cidadanía no horizonte do 2025

Esta mañá informouse do Plan Estratéxico desta entidade que contempla a creación de novos espazos, o impulso de proxectos innovadores, a creación dunha comunidade enerxética e do Centro de Ciberseguridade de Galicia, entre outros

San Cibrao das Viñas (Ourense), 14 de xullo de 2023

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Xunta de Galicia e vicepresidenta da Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), Patricia Argerey, participou esta mañá na clausura do acto informativo sobre o Plan Estratéxico, acompañada polo delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.

A directora de Gain destacou na súa intervención a capacidade que ten demostrado Tecnópole nos últimos trinta anos para atraer proxectos de emprendemento e apoiar empresas innovadoras, así como no desenvolvemento dun amplo labor de divulgación científica e fomento das vocacións científicas entre a infancia e a mocidade e agradeceu a colaboración de todas as entidades que participan no seu accionariado.

De cara ao futuro, Argerey subliñou a relevancia de proxectos como o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que estará operativo a mediados de 2025, ou a primeira comunidade enerxética galega, e enxalzou un parque que será máis sustentable e dixitalizado, máis aberto á cidadanía, máis atractivo para o talento e máis comprometido coa igualdade ao final deste lustro e, polo tanto, que xerará máis valor para a economía e a sociedade.

O Plan Estratéxico vertébrase en cinco eixes: a ocupación do espazo dispoñible, o desenvolvemento empresarial, o fomento da innovación, a sustentabilidade, xunto á formación e a comunicación. Entre as actuacións previstas, destacan a creación de novos espazos para as empresas actuais e futuras, o impulso de proxectos innovadores, a creación dunha comunidade enerxética e do Centro de Ciberseguridade de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2023