A Xunta comparte a súa experiencia en cooperación internacional para a educación no foro UE-América Latina

O encontro reuniu en Bruxelas a representantes locais, da mocidade e da sociedade civil, días antes do Cumio UE-América Latina e Caribe organizado pola Presidencia española do Consello

O director xeral avogou por que os acordos da II Cume Académica e do Coñecemento UE-CELAC se incorporen ás conclusións do Cume UE-CELAC

Bruxelas, 13 de xullo de 2023

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, representou á Xunta no Foro entre a Unión Europea e América Latina e o Caribe celebrado esta semana en Bruxelas. A participación galega centrouse na colaboración no eido educativo.

Este foro, enmarcado no cumio entre a UE e a Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (Celac) da vindeira semana, contou coa participación da mocidade, representantes da sociedade civil e autoridade locais e rexionais. Os encontros serviron para profundar no papel destes actores na cooperación entre Europa e América Latina e o Caribe. As conclusións acadadas trasladaranse ao cumio dos líderes europeos e latinoamericanos.

Galicia tomou parte no debate sobre a educación e o desenvolvemento de capacidades. Jesús Gamallo explicou a cooperación internacional da nosa comunidade co actual V Plan Director da Cooperación Galega 2023-2026. Dito plan identifica ámbitos estratéxicos na promoción da educación como dereito básico e no eido da Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, en liña cos obxectivos da Axenda 2030.

Gamallo tamén recordou as conclusións do II Cumio Académico e do Coñecemento UE-CELAC celebrado en Santiago de Compostela, referíndose especialmente á importancia de crear un espazo Euro–Latinoamericano e Caribeño de Educación Superior, Ciencia, Tecnoloxía e Innovación como panca para o desenvolvemento económico. Ademais, avogou polo intercambio de experiencias e boas prácticas que favorezan a mobilidade académica, tal e como ocorre co programa IACOBUS entre Galicia e o Norte de Portugal.

O director xeral destacou na súa intervención a experiencia de Galicia en proxectos de cooperación no eido da educación. Nesta liña, sinalou a importancia dun maior achegamento en tódolos ámbitos entre a UE e América Latina: “Esta oportunidade non a podemos perder e temos que sentar as bases para que a cooperación sexa permanente a vaia máis alá do período da Presidencia española”, expresou.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2023