A Xunta impulsa os negocios focenses coa campaña de dinamización “Mercar no teu comercio ten premio”
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, asistiu onte ao sorteo final da iniciativa, que se desenvolveu en colaboración coa Federación Galega de Comercio e o centro comercial aberto da localidade
O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou onte pola tarde en Foz no sorteo de premios Mercar no teu comercio ten premio, unha iniciativa de dinamización impulsada pola Xunta e a Federación Galega de Comercio, coa colaboración neste caso do centro comercial aberto (CCA) de Foz.
Esta iniciativa repartiu en total 1.000€ en tarxetas prepago de 300 e de 50 euros para seguir mercando no comercio da localidade entre os clientes que mercaron en comercios de Foz desde o pasado xoves 6 de xullo e cambiaron os seus tíckets de compra por boletos de participación.
A campaña Mercar no teu comercio ten premio, busca dinamizar o comercio de proximidade e incentivar o consumo. Con esta finalidade celebrarase entre xullo e outubro nun total de 9 localidades da provincia de Lugo.