A Xunta outorgou en 2022 cerca de 900 axudas económicas a vítimas da violencia de xénero para favorecer a súa independencia económica

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, presentou ante a Comisión 5ª do Parlamento de Galicia, o Informe anual de violencia de xénero 2022, onde fixo fincapé nas achegas que a Xunta concede ás vítimas para que avancen na súa recuperación

Un total de 351 mulleres e menores recibiron acubillo o ano pasado a través dos recursos de acollemento que ofrece o Goberno autonómico

Máis de 1.000 persoas recibiron apoio psicolóxico gratuíto, que dispensa a Xunta de Galicia nos casos de violencia de xénero

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, interveu hoxe na Comisión 5ª do Parlamento de Galicia para dar conta do Informe anual de violencia de xénero 2022, onde destacou a continuidade do compromiso da Xunta co apoio económico ás vítimas como “ferramenta imprescindible” para que estas mulleres (900 en 2022) poidan acadar a independencia económica dos seus agresores e avanzar na súa recuperación. A representante autonómica puxo en valor o amplo catálogo de apoios que tanto no eido psicolóxico, como laboral e de intervención pon a comunidade ao dispor destas mulleres e dos seus fillos e que sitúan a Galicia como referente.

A secretaria xeral tivo unha lembranza no inicio da súa intervención para as dúas mulleres asasinadas en Galicia este 2023 e para o conxunto das vítimas que sofren violencia de xénero na comunidade, ás que lles recordou que non están soas e que teñen ao seu carón un Goberno autonómico comprometido e coa súa protección.

O apoio económico ás vítimas co obxectivo de que dean o primeiro paso para lograr unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, segue a ser unha das prioridades do Goberno galego que en 2022 concedeu cerca de 900 axudas de carácter económico: 571 de pago periódico, coas que estas mulleres perciben ata 800 euros mensuais e durante un período de 12 meses; 315 de pago único, para axudar ás mulleres con maiores dificultades de inserción laboral; e unha axuda no marco dos apoios aos fillos orfos ou ás mulleres que resultaron gravemente feridas.  

Os recursos de acollemento, pola súa banda, deron acubillo a 351 persoas (130 delas, menores), que accederon a vivendas tuteladas e centros de acollida, ao centro de emerxencia de Vigo, a vivendas de seguridade para vítimas de trata ou o inmoble tutelado especializado en mulleres vítimas con enfermidade mental. O Centro de recuperación integral para mulleres que sofren violencia de xénero, sito en Santiago, atendeu, pola súa banda, 131 persoas.

Galicia recoñece a asistencia psicolóxica gratuíta para mulleres, menores e/ou persoas dependentes que vivan ou padezan situacións de violencia de xénero. En 2022 beneficiáronse destes apoios, concertados co Colexio de Psicoloxía de Galicia, 1.049 persoas, delas 269 menores de idade e 51 con dependencia. “Estamos a ofertar recursos terapéuticos que axuden ás vítimas a afrontar a situación e a reforzar a súa autoestima, ademais de ser un apoio na recuperación ou adquisición de habilidades que lles permitan lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral”, destacou Vázquez.

 

A secretaria xeral puxo en valor tamén o traballo que a Xunta está a exercer con homes que adoptan conductas inadecuadas coas súas parellas e desexan adquirir novos modos de comportamento, téndose actuado en 2022 con 119 beneficiarios; ou o traballo con menores que exercen a violencia de xénero aos que se lles dispensa atención integral, en colaboración con ALAR Galicia, téndose realizado en 2022 un total de 140 sesións grupais de traballo con 50 mozos participantes.

No eido da formación e do emprego, Vázquez subliñou que máis dun cento de mulleres vítimas foron contratadas por 54 concellos grazas ao programa de incentivos da Secretaría Xeral da Igualdade e outras 26 mulleres grazas ao programa de inserción desenvolvido coas entidades sen ánimo de lucro.

Vázquez referiuse á posta en marcha en 2022 dun novo protocolo de actuación do Servizo Galego de Saúde ante casos de sospeita de submisión química na atención primaria e urxencias como exemplo do traballo transversal que implica a múltiples departamentos da Xunta na busca da igualdade e a loita contra todas as violencias sexuais.

Para a secretaria xeral da Igualdade, supón un avance para a resposta institucional ante as vítimas, que se teña renovado o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, “un instrumento eficaz para coordinar as políticas de combate contra la violencia de género” e un “eixo prioritario” para a Administración autonómica, que aumentou o seu orzamento para reforzar e ampliar os recursos para as vítimas neste 2023 nun 14 % ata os 20,5 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2023