A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe o funcionamento desta nova ferramenta dixital nunha proba na estrada LU-221 en Palas de Rei
A Xunta realiza probas piloto con drons e intelixencia artificial para detectar con maior precisión os danos nos pavimentos das estradas autonómicas
Trátase dun sistema para a auscultación dos firmes das estradas a través das imaxes tomadas cun dron, que son procesadas con intelixencia artificial e permiten a xeración inmediata de informes sobre o estado de conservación da vía
A Xunta explora novas funcionalidades para o emprego de drons, que xa utiliza desde hai anos na inspección de pontes e viadutos das vías autonómicas
Ethel Vázquez lembra que o Goberno galego realiza cada ano unha campaña de reforzos de firme nas estradas autonómicas con 20 M€ de investimento
Destaca que investir en conservación de estradas é investir en seguridade viaria
A Xunta realiza probas piloto con drons e intelixencia artificial para detectar con máis precisión danos nos pavimentos das estradas autonómicas, co fin de acadar unha mellor xestión e conservación da rede viaria.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe en Palas de Rei o funcionamento dunha nova ferramenta dixital que a Xunta está a probar co obxectivo de optimizar a conservación das estradas.
Trátase dun sistema para a detección de danos nos firmes a través das imaxes tomadas desde un dron, que son automaticamente procesadas e analizadas co uso da intelixencia artificial e permiten a xeración inmediata de informes do estado de conservación que presenta a vía.
Na proba realizada hoxe, o dron realizou un voo ao longo de, aproximadamente, 1 km de lonxitude da LU-221, a estrada que une Palas de Rei e Monterroso. No voo recolléronse imaxes e datos sobre o firme da estrada e emitiunos en tempo real, reportando un informe automático do estado no que se atopa o pavimento e os deterioros que presenta.
Este traballo pilóto enmárcase na iniciativa Civil UAVs Initiative e do programa Business Factory Aero liderado pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación, do IGAPE e XesGalicia e coordinado pola Fundación CEL para impulsar o uso de sistemas non tripulados desenvolvidos desde o Polo Aeroespacial de Galicia, en Rozas, no concello de Castro de Rei.
Vázquez Mourelle destacou que a utilización de vehículos aéreos non tripulados multiplican a eficiencia das inspeccións in situ, xa que permite clasificar automaticamente os defectos detectados nas estradas.
Sinalou que unha vez obtidas as imaxes e os informes, haberá que avaliar as bondades deste sistema de drons e de intelixencia artificial e incluso abordar as posibilidades que ten de mellora e perfeccionamento na detección dos deterioros nas estradas.
Con esta iniciativa, valora ampliar a novas funcionalidades o emprego de drons que, como lembrou Ethel Vázquez, a Xunta xa leva tempo usando para a inspección de estruturas e obras de paso, as pontes e viadutos da rede autonómica de estradas. Apostou por explorar futuras aplicacións, xa que pode ser unha ferramenta moi valiosa na toma de decisións sobre a necesidade de actuacións nos firmes.
Subliñou que o Goberno galego acomete cada ano unha campaña de reforzos de firme nas estradas autonómicas, destinando 20 millóns de euros de investimento, consciente de que investir en conservación é facelo tamén en seguridade viaria.