A Xunta seguirá a dar pulo á economía social e apoiará accións divulgativas impulsadas por entidades da Rede Eusumo coas que espera chegar a unhas 4.000 persoas

O Consello da Xunta deu visto e prace a esta convocatoria de axudas, que eleva o seu orzamento ata os 690.000€

Poden optar a achegas, dun máximo de 190.000 euros, as asociacións, entidades locais, cámaras de comercio, universidades ou organizacións sindicais, empresariais ou profesionais adheridas á rede autonómica Eusumo de fomento da economía social

A Xunta de Galicia destina este ano 42M€ ao fomento desta fórmula de negocio, unha contía que supera en case o 21% o presuposto do ano pasado

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade activará unha nova convocatoria de axudas dirixida ás 97 entidades de economía social que forman parte da Rede Eusumo, co obxectivo de que desenvolvan este ano e en 2024 accións de divulgación, formación e asesoramento a persoas que estean a promover a súa actividade a través desta fórmula.

O Consello da Xunta deu hoxe visto e prace a esta liña que busca apoiar os colectivos que colaboran coa Rede Eusumo para o fomento do cooperativismo e a economía social en Galicia, impulsando o seu desenvolvemento no ámbito local.  

Pódense beneficiar das achegas, cun máximo de 190.000 euros, asociacións, concellos ou agrupación deles, cámaras de comercio, universidades e/ou fundacións e asociacións profesionais, empresariais ou sindicais inseridas na Rede. 

Entre outras actividades, recibirán financiamento as accións de divulgación da economía social; a elaboración de estudos, informes, traballos de investigación ou manuais, guías, unidades didácticas con contido inédito e de asesoramento e acompañamento a promotores e as iniciativas de formación.

Reservaranse 390.000 euros do orzamento global (690.000 euros) para apoiar actividades de sectores específicos como o da economía dos coidados, agroalimentario, economía circular, enerxías renovables, aplicación de novas tecnoloxías, ou relacionadas co sector industrial e das industrias culturais.

Na actualidade, a Rede Eusumo conta con 97 entidades adheridas. A través do asesoramento prestado por esta rede, posta en marcha en 2012, creáronse xa en Galicia 190 entidades de economía social, que xeraron máis de 540 empregos directos.

A previsión é que se poidan beneficiar das achegas hoxe referendadas polo Consello da Xunta unhas 40 entidades que poderán realizar accións para unhas 4.000 persoas.

O Goberno galego mantén un firme compromiso coa economía social, un ámbito que representa o 7% do PIB de Galicia. A Xunta impulsa a creación de empresas e está a pór en valor os beneficios desta fórmulas que sitúa no centro ás persoas e promove a cohesión territorial e social, cun orzamento específico de máis de 42 millóns de euros este ano, que creceu case o 21% respecto do exercicio anterior.

Data de actualización: 14/07/2023