A Xunta completa a instalación de sete novos equipos TAC de tecnoloxía espectral nos hospitais públicos galegos

O conselleiro de Sanidade visitou o servizo de Radioloxía do CHUAC no que se instalou o último destes sete aparellos tras un investimento total de 8,2 millóns de euros

A Xunta complementou cunha achega autonómica os fondos europeos Next Generation para adquirir esta tecnoloxía punteira e estendela ás sete áreas sanitarias

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, visitou esta mañá o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña con motivo do remate da instalación do novo equipo de tomografía computerizada (TAC) con tecnoloxía espectral, e co que a Xunta completa o proceso de incorporación desta mellora asistencial no conxunto das áreas sanitarias galegas.

Segundo explicou o titular de Sanidade, o novo equipamento instalado no hospital coruñés caracterízase por estar dotado coa tecnoloxía máis moderna dispoñible neste ámbito, a tecnoloxía espectral. Un avance, destacou, que mellorará dun xeito considerable o contraste entre os tecidos e a súa resolución -ao permitir a detección de lesións máis pequenas-, ao tempo que se reducen as doses de radiación.

Acompañado polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, o conselleiro remarcou que o Servizo Galego de Saúde “está a experimentar un proceso moi ambicioso de renovación e ampliación de equipamentos tecnolóxicos”. Neste senso, apuntou que a Xunta de Galicia decidiu complementar os fondos europeos Next Generation con achegas do orzamento autonómico, co obxectivo de adquirir para centros sanitarios galegos o mellor equipamento posible. 

No caso dos TAC, o financiamento europeo destinado a súa renovación tiña prevista a adquisición de equipos de gama media, non obstante, o Executivo galego decidiu complementar esta partida económica con fondos propios, co obxectivo de acceder a un equipamento con maiores prestacións. Así, estes sete equipos de última tecnoloxía cos que se dotou á Sanidade pública galega supuxo un investimento de 8,2 millóns, dos que o 60% (4,8 millóns) corresponderon a fondos autonómicos.

Un CHUAC mellor equipado

A aposta do Executivo galego por mellorar o equipamento do conxunto de hospitais galegos reflíctese nos 67 millóns de euros empregados pola Xunta para poñer ao alcance, tanto dos profesionais do Sergas como dos pacientes da sanidade pública, 76 novos equipos dotados da mellor tecnoloxía sanitaria.

En concreto, neste proceso de renovación tecnolóxica o Hospitalario Universitario da Coruña dotouse con 9 novos equipos, entre os que se atopan:  4 equipos TAC -incluído o espectral-, 2 salas novas de hemodinámica, unha sala de resonancia magnética, unha sala de radioloxía vascular e, por último, unha sala de Neurorradioloxía.

García Comesaña salientou que no seu conxunto este novo equipamento do centro hospitalario coruñés supuxo un investimento de 8 millóns de euros, e aproveitou a súa intervención para agradecer a colaboración e o asesoramento dos profesionais dos servizos de radioloxía, radioterapia, cardioloxía ou medicina nuclear das sete áreas sanitarias, para conseguir os equipos máis adaptados ás necesidades do Servizo Galego de Saúde.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2023