Aberto o prazo de solicitude para que administracións e entidades poidan acceder a axudas dirixidas á instalación de enerxías renovables térmicas

Apóianse proxectos de biomasa, xeotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica con 2,3 millóns de euros

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia abre hoxe o prazo de solicitude para que administracións locais e entidades tanto públicas como privadas sen ánimo de lucro poidan acceder ás axudas para a instalación de enerxías renovables térmicas.

En concreto, resérvanse 2,3 millóns de euros para apoiar proxectos que utilicen biomasa, xeotermia, hidrotermia, aerotermia e solar térmica. As axudas convócanse por concorrencia non competitiva cunha intensidade máxima de axuda do 70% e teñen que presentarse de xeito telemático.

Esta liña súmase á ampliación -aprobada o pasado mes de xuño- do orzamento da convocatoria destinada a empresas para o uso do mesmo tipo de fontes renovables. As axudas son dun 35% no caso de grandes compañías, un 40% para as medianas e un 45% no caso das pequenas.

Deste xeito, a Administración galega conta con 14,6 millóns de euros en total para seguir promovendo o uso de enerxías respectuosas co medio ambiente e que permiten importantes aforros económicos. Prevese que estas axudas mobilicen 33,4 millóns de euros, favorezan aforros anuais de 95.000 MWh/ano, reduzan as emisións de CO2 equivalentes á plantación de 1.350.000 árbores e rebaixen os pagos da electricidade en 3,6 millóns de euros ao ano. Ambas as dúas axudas están abertas ata o 2 de xaneiro de 2024.

Preténdese non só a redución dos custos enerxéticos e a mellora da calidade de vida ligada ao coidado medioambiental, senón tamén contribuír á dinamización económica e a un cambio cultural necesario para abordar a transición enerxética en todos os eidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/07/2023