A Xunta lanza un ciclo de cine ao aire libre en galego que percorrerá 18 concellos rurais

O secretario xeral de Política Lingüística e o director de Industrias Culturais participan na presentación de ‘Redecinema’ que encherá de lecer familiar este verán

Poderán verse títulos como ‘Cuñados’, ‘Melancolía’, ‘A Galiña Turuleca’, ‘A Illa das mentias’, ‘Engurras’, ‘Eroski-paraíso’, ‘Jacinto’ e ‘O que arde’

O ciclo comeza este sábado 15 no concello de Negreira coa proxección do filme de animación ‘A galiña Turuleca’, dirixida a público infantil e familiar

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2023

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, presentaron esta mañá Redecinema, unha proposta de cine en galego ao aire libre coa que a Xunta de Galicia amplía a oferta de ocio para este verán dentro do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2023.

 

No acto, no que estiveron acompañados de Begoña Salgueiro, representante de Supernova, empresa encargada das proxeccións, o titular de Política Lingüística sinalou que é importante “achegarlle o cine en galego á xente e dunha maneira especial á xente nova, que se move moito máis no ámbito da cultura audiovisual; e tamén é importante que as propostas de ocio en galego estean na rúa, onde se vexan ben e onde todo o mundo poida gozar delas”.

 

Pola súa parte, o director de Industrias Culturais celebrou a oportunidade que esta programación supón para a difusión entre un público amplo do cinema producido en Galicia nun momento no que está a acadar a súa maior actividade, así como o valor da experiencia de gozalo en pantalla grande e dun xeito descentralizado xeograficamente.

 

Concellos participantes

Redecinema é un ciclo de proxeccións de filmes en galego en formato cinema de verán (ao exterior e con gran pantalla) que viaxará por 18 concellos membros da Rede de Dinamización Lingüística durante os meses de estío. Para chegar a todos os públicos, a compañía ofrece a cada concello a oportunidade de elixir entre os títulos do seu catálogo: Cuñados, Melancolía, A Galiña Turuleca, A illa das mentiras, Engurras, Eroski-paraíso, Jacinto e O que arde.

 

O primeiro pase será este sábado 15 na praza do Concello de Negreira, onde as persoas interesadas poderán achegarse ás 22,30 horas para gozar do filme de animación infantil e familiar A galiña Turuleca. Despois seguirá por Forcarei, Outeiro de Rei, Allariz, Ponteareas, Laxe, A Laracha, Ares, Xove, Sober, Lobios, Viana do Bolo, Maside, Barro, Silleda, O Rosal, Beariz e Mondoñedo. As datas, horas e lugares exactos poderán consultarse na Axenda de Cultura de Galicia e no Portal da Lingua Galega.

 

Máis de 2.500 actividades culturais

Con esta nova proposta, o FalaRedes suma xa 73 accións de ocio en galego para repartir entre os concellos da rede durante os próximos meses. A XII edición deste programa de dinamización lingüística forma parte de CulturON, a iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que suma máis de 2.500 actividades culturais previstas para este verán en colaboración con distintos concellos e entidades.

Data de actualización: 13/07/2023