A Xunta promove no Portamérica o consumo de produtos de calidade diferenciada

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria contará cun posto no que se poderán degustar, entre outros, queixos e viños con distintivos de calidade

A experiencia estará dinamizada polo presidente da asociación Galega de Sumilleres e unha experta catadora de queixos

Caldas de Reis (Pontevedra), 13 de xullo de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou esta tarde o espazo gastronómico “Experiencias de calidade” do festival Portamérica, no que os asistentes poderán degustar produtos de calidade diferenciada.

 

Esta iniciativa enmárcase dentro das xornadas e eventos do programa de promoción da axencia para potenciar o coñecemento dos produtos con denominación de orixe protexida e indicación xeográfica protexida. Nesta ocasión, ao longo dos tres días de festival, ofreceranse a probar, entre outros produtos, queixos e viños premiados nas Catas de Galicia 2023, organizadas pola Consellería do Medio Rural. Ademais, para dinamizar aínda máis esta experiencia, contarase coa presenza de Juanjo Figueroa Teus, presidente da asociación Galega de Sumilleres e con Salomé Beiroa Fernández, experta catadora de queixos e membro do Panel de Cata dos Queixos Galegos.

 

Así, poranse en valor as catro denominacións de orixe protexida de queixos galegos: Cebreiro, Arzúa-Ulloa, San Simón e Queixo Tetilla, todos eles elaborados en Galicia con materia prima de gran calidade. Tamén dos viños Ribeiro, Valdeorras, Monterrei, Rías Baixas e Ribeira Sacra, con este mesmos distintivo, entre outros alimentos de producións singulares e calidade diferenciada, de cara a fomentar o seu consumo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2023