A Xunta inicia os trámites para abrir unha Comisión Bilateral co Estado e tentar resolver as dúbidas competenciais da nova Lei polo dereito á vivenda

Destaca que con esta iniciativa Galicia busca esgotar a vía de diálogo para aclarar e modificar aquelas disposicións que invaden o seu réxime competencial sen necesidade de ter que presentar un recurso de inconstitucionalidade

Salienta que a solicitude está baseada en que a lei, ademais de ser confusa na súa redacción, defectuosa tecnicamente e pouco clara na atribución de certas obrigas e actuacións, non respecta as atribucións exclusivas que ten a Comunidade nesta materia

Entre as disposicións que limitan a capacidade autonómica para deseñar políticas residenciais propias destacan o establecemento da duración e doutros requisitos do réxime xurídico das vivendas protexidas, a fixación de porcentaxes mínimas do solo de reserva para alugueiro social ou a regulación dos parques públicos de vivenda

O titular do Goberno galego considera que hai regulacións e obrigas introducidas no texto contrarias á orde constitucional de competencias entre o Estado e as comunidades
 

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego impulsará os trámites necesarios para solicitar a convocatoria dunha Comisión bilateral de cooperación entre o Estado e a Comunidade autónoma co fin de “intentar resolver as dúbidas e discrepancias” competenciais xurdidas a raíz da recente aprobación da Lei polo dereito á vivenda, en vigor desde o pasado 26 de maio.

Neste sentido, e tras recibir hoxe a autorización do Consello, o titular do Goberno galego explicou que o seguinte paso será remitir de inmediato ao Executivo central unha invitación para celebrar a referida comisión, un procedemento legalmente previsto para que as administracións públicas poidan solucionar de forma negociada as súas discrepancias sobre o contido dunha determinada lei evitando recorrer á Xustiza. “Cremos que é bo dialogar antes e corrixir as eivas que advertimos”, explicou.

Deste xeito, a Xunta quere esgotar a vía do diálogo co Goberno central para buscar un acordo que permita clarificar e modificar aquelas disposicións da nova lei estatal de vivenda que poden invadir as súas competencias, sen necesidade de ter que chegar á interposición dun recurso de inconstitucionalidade.

A tramitación deste procedemento por parte da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda está fundamentada en que a norma, ademais de resultar confusa na súa redacción, presentar defectos técnicos e ser pouco clara na atribución de certas obrigas e actuacións, non respecta as competencias exclusivas que ten atribuída a Comunidade galega pola Constitución e o Estatuto en materia de vivenda.

En concreto, entre as disposicións normativas que considera que limitan a capacidade da Xunta para deseñar políticas residenciais propias neste eido, cómpre citar o establecemento con carácter xeral da duración do réxime de protección pública, da descualificación e doutros requisitos relacionados coas vivendas protexidas, aínda que as financien as comunidades, ou a imposición de destinar a alugueiro un mínimo do 50% do solo reservado para vivendas en réxime de protección e de elevar ao 40% a superficie reservada a vivenda protexida en actuacións de nova urbanización, restrinxindo así tamén as facultades autonómicas en materia de ordenación do territorio e urbanismo.

Ademais, con relación ás zonas de mercado residencial tensionado, Rueda explicou que a norma estatal habilita ás administracións autonómicas para a súa declaración e regulación normativa pero “establecendo uns criterios de procedemento moi estritos” que, na práctica, privan ás comunidades de marxe de manobra e de capacidade de decisión.

Outro dos aspectos controvertidos é o título III da lei, que aborda a regulación dos parques públicos de vivenda autonómicos e que a Xunta cuestiona na súa totalidade ao entender que o Estado non pode regular algo que está integramente financiado polas comunidades e que, de feito, forma parte dos seus recursos públicos.

Así mesmo, modifícanse tamén a Lei de axuizamento civil para introducir medidas orientadas a incrementar o nivel de protección das persoas que ocupan ilegalmente un inmoble e que dificultarán aínda máis o seu desaloxo rápido, por exemplo, impoñendo ao propietario cando teña a consideración de gran tenedor que acredite se o ocupante está en situación de vulnerabilidade ou, en caso de que sexa así, obrigando ás comunidades a regular un procedemento de conciliación entre ambas partes para analizar as posibles axudas existentes para atender as necesidades dos ocupantes en materia de vivenda.

En definitiva, o Goberno galego considera que hai disposicións, regulacións e obrigas na Lei polo dereito á vivenda que son contrarias á orde constitucional de competencias entre o Estado e as comunidades e invaden as atribucións autonómicas na materia. “Nesa Comisión tamén imos solicitar a concreción e información sobre as vivendas anunciadas xa que primeiro eran 1.285 e agora parece que son 187 das que só 20 están nas cidades”, sinalou Rueda.

Tramitación unilateral

Desde o primeiro momento, Galicia exixiu ao Goberno central poder participar e opinar durante o proceso de elaboración dunha norma que afectaba a unha materia sobre a que ten competencias exclusivas pero que, sen embargo, foi tramitada e aprobada unilateralmente polo Estado, sen contar coa opinión dos executivos autonómicos nin considerar as diferentes realidades territoriais.

Por ese motivo, a Xunta presentou alegacións ao anteproxecto e, máis recentemente, cando no mes de abril a lei encarou a recta final da súa tramitación e se coñeceu o texto definitivo, dirixiuse por carta á ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana para solicitar unha Conferencia Sectorial urxente na que poder analizar o contido da lei e mesmo lle remitiu as principais inquedanzas e obxeccións á norma trasladadas polos membros do Observatorio da vivenda de Galicia.

Con esta invitación ao Estado para a celebración dunha Comisión bilateral de cooperación na que poder analizar a Lei polo dereito á vivenda, a Xunta fai un novo intento por abrir unha vía de diálogo e negociación entre ambas administracións sobre unha norma que regula unha materia clave e de moito peso nas políticas autonómicas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2023