Agustín Reguera ofrece a “máxima colaboración e dispoñibilidade” da Xunta co Concello das Neves na súa primeira visita institucional

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra garantíu un contacto “periódico e constante” entre ambas administracións e recibiu o agradecemento do alcalde, José Manuel Alfonso, por aceptar o convite a esta reunión de traballo

As Neves, 13 de xullo de 2023

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, vén de realizar a súa primeira visita institucional ao Concello das Neves no arranque dos contactos que está a establecer cos representantes dos 47 municipios da área territorial e ofreceu a “máxima colaboración e dispoñibilidade” do executivo galego coas súas necesidades tras manter unha xuntanza de traballo co alcalde, José Manuel Alfonso.

O representante autonómico, que se interesou polas primeiras semanas no cargo do rexedor e do novo goberno local, recolleu os temas e os proxectos de interese para o municipio vencellados á Xunta de Galicia ou aqueles nos que poida haber colaboración entre ambas administracións e que se centran, nesta primeira instancia, en materia de infraestruturas. Nos vindeiros días, dita documentación examinarase detidamente para facer as correspondentes xestións coas distintas consellerías.

Tras o encontro, Agustín Reguera, que recibíu o agradecemento do alcalde por aceptar con celeridade o convite para celebrar esta visita institucional, garantíu que o contacto co Concello das Neves será “periódico e constante no marco da política de cercanía da Xunta cos concellos e os cidadáns” e destacou o “compromiso” do goberno galego con este municipio da bisbarra do Condado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/07/2023