A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse hoxe ata a zona onde se van a desenvolver os traballos

A Xunta segue a avanzar no desenvolvemento do PRUX do Parque Natural Fragas do Eume coa mellora da ponte colgante Cal Grande

As actuacións, que consistirán na renovación do sistema de sustentación desta infraestrutura, contan cun orzamento superior aos 100.000 euros e executaranse previsiblemente a partir do próximo mes de agosto

Martina Aneiros informou que dentro do Programa de conservación e mellora de infraestruturas, instalacións e equipamentos do PRUX, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ten en marcha a contratación dun inventario dixitalizado de infraestruturas viarias do parque

O departamento autonómico ten iniciado tamén os primeiros contactos para promover ofertas de venta entre os propietarios dos terreos

Pontedeume (A Coruña), 12 de xullo de 2023

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda segue a avanzar no desenvolvemento do Plan reitor de usos e xestión (PRUX) das Fragas do Eume coa mellora dun dos puntos máis emblemáticos de cantas rutas de sendeirismo percorren este parque natural, a ponte colgante Cal Grande.

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, achegouse onte ata a zona onde se van a desenvolver os traballos que permitirán mellorar a accesibilidade e seguridade dos viandantes e pescadores mediante a renovación do sistema de suspensión da ponte co que se poderá potenciar a práctica das distintas actividades que se poidan realizar na zona.

Para iso procederase ao desmonte secuencial do taboleiro, varanda, péndolas e cordón de sustentación desta infraestrutura para a súa substitución por novos elementos. A obra, que suporá un investimento superior aos 100.000 euros e conta cun prazo de execución de seis meses, comezará previsiblemente o próximo mes de agosto.

A ponte colgante Cal Grande e a de Fornelos, ambas situadas na ruta de sendeirismo máis transitada das Fragas do Eume, o Camiño do Encomendeiros, foron obxecto de intervención o pasado ano. Foi neste proceso de reparación cando os técnicos encargados da obra constataron a rotura de dous fíos trenzados nas catenarias e recomendaron o peche provisional da ponte Cal Grande.

Inventario de infraestruturas viarias

A mellora da ponte colgante Cal Grande encádrase no Programa de conservación e mellora de infraestruturas, instalacións e equipamentos incluído no PRUX, dentro do que tamén está en marcha a contratación dun inventario dixitalizado que inclúa todas as infraestruturas viarias presentes no parque natural, tal e como avanzou a delegada territorial. O obxectivo deste documento é o de mellorar a regulación dos accesos ao parque, tránsito de persoas e vehículos a motor, así como as actividades de uso público.

Neste caso, os traballos abranguerán a rede viaria (estradas asfaltadas), pistas forestais, cortalumes e outras infraestruturas de prevención de incendios, infraestruturas eléctricas e a rede de sendeiros localizadas neste espazo natural.

Ampliación da superficie pública

Doutra banda, Martina Aneiros avanzou que a consellería segue a dar pasos na ampliación da superficie pública do parque natural. “Ata o de agora contactouse con dez propietarios directamente e neste días manteranse contactos con outros tanto titulares, aínda que se prevén moitos máis dado que se está a difundir a liña de traballo”, indicou a representante da Xunta.

Así, habilitouse o número de teléfono 626 720 070 ao que se poden dirixir os interesados en poñer á venta os seus terreos. Ademais, os martes e venres, na Casa Forestal de Esteiro (Pontedeume), e os xoves, na Casa Forestal da Capela, en horario de 10.00 a 14.00 horas, atenderáselles presencialmente.

A Xunta de Galicia destinará 1,1 M€ de fondos Next Generation á adquisición de novas parcelas dentro do parque natural no que o 80 % dos terreos son de titularidade privada coa finalidade de incrementar a superficie pública deste bosque atlántico e asegurar a conservación ecolóxica da fraga autóctona.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2023