Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente as sabotaxes ás ambulancias da rede transporte sanitario urxente incluso á marxe das convocatorias de folga

Ás 82 ambulancias asistenciais con picadas nas rodas nas xornadas de convocatoria de folga, súmanse, desde o 8 de xullo e ata hoxe pola mañá, outros 49 vehículos con picadas nas rodas

A Estrada (Pontevedra), 12 de xullo de 2023

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 insiste en condenar firmemente as sabotaxes realizadas contra as ambulancias asistenciais da Rede de transporte sanitario urxente (RTSU) que se están a producir, incluso, en datas nas que non existe convocatoria de folga, ao tempo que lembra a necesidade dun comportamento responsable.

Todas estas sabotaxes e actos vandálicos están enmarcados no contexto da negociación do convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia.

Cómpre lembrar que a negociación do convenio colectivo de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia de Galicia constitúe un asunto estritamente privado, das empresas do sector e das organizacións sindicais con representación nas mesmas, que, en todo momento, debe ser compatible co respecto aos bens e as persoas.

Máis de 130 vehículos con picadas nas rodas

A primeira convocatoria de folga, que tivo lugar os días 6 e 7 de xullo, finalizou con 82 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado e básico con picadas nas rodas, ademais doutros actos vandálicos como pintadas e danos nos vehículos. Ademais, á marxe das datas da folga, desde as 00.00 horas do 8 de xullo e ata as 8.00 horas de hoxe, 12 de xullo, producíronse picadas nas rodas doutras 49 ambulancias asistenciais. Todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade.

 

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar, de xeito responsable e comprometido coa poboación, para garantir a cobertura sanitaria ás urxencias e ás emerxencias, e que as continuas sabotaxes non prexudiquen nin a calidade do servizo nin o dereito dos cidadán a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2023