A conselleira de Política Social e Xuventude visitou hoxe aos participantes nesta actividade, que forma parte da campaña de verán da Xunta

Fabiola García salienta o carácter inclusivo do campo de voluntariado de Amicos na illa de Sálvora

Un grupo de quince mozos procedentes de Galicia, doutras Comunidades Autónomas e do estranxeiro realizan tarefas de limpeza e conservación deste enclave natural

Ribeira (A Coruña), 12 de xullo de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, destacou hoxe o carácter inclusivo do campo de voluntariado que a entidade Amicos leva a cabo na illa de Sálvora. Fíxoo durante unha visita ao grupo de 15 de mozos de Galicia, doutras Comunidades Autónomas e do estranxeiro que se dan cita nesta actividade que forma parte da campaña de verán da Xunta.

Fabiola García indicou que neste campo, que se desenvolve desde o pasado día 4 ata o vindeiro sábado día 15, os participantes realizan tarefas de limpeza e conservación da illa, toman conciencia do gran patrimonio natural que hai en Galicia e contribúen a protexelo. Así mesmo, apuntou que esta proposta axúdalles a valorar a importancia da inclusión, xa que este é un campo de voluntariado aberto e adaptado para todos os rapaces.

Neste sentido, a conselleira afirmou que a Xunta aposta por unha programación estival sen barreiras, na que todas as actividades que se organizan están á disposición das persoas con discapacidade e das súas familias. Estas puideron acceder a elas a través do procedemento xeral, escollendo calquera das prazas ofertadas; optando ás prazas reservadas a inclusión ou por medio dos campamentos específicos.

46 campos de voluntariado nas catro provincias

Fabiola García apuntou que entre os meses de xullo e setembro se porán en marcha 46 campos de voluntariado por todo o territorio galego, aos que hai que engadir campamentos, os minicampamentos ‘Coñece Galicia’ e intercambios con outras zonas de España. En total, ofértase a cifra récord de 11.200 prazas, que consolidan a Galicia como a Comunidade que máis prazas ofrece do conxunto de España.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2023