Aneiros destaca o traballo do Tríatlon Ferrol nas categorías de base na presentación do Campionato Xunta de Galicia de menores e súper sprint

Preto de 300 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil e júnior daranse cita nesta proba do calendario galego que terá lugar o próximo 15 de xullo no entorno do peirao de Curuxeiras

A delegada territorial destacou o gran momento que atravesa o deporte galego “onde hai máis deporte base ca nunca”, aportando a cifra dos 135.000 participantes alcanzados no programa Xogade este ano

Ferrol, 12 de xullo de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación do Campionato Xunta de Galicia de tríatlon de menores e súper sprint que se dirimirá o próximo 15 de xullo no entorno do peirao de Curuxeiras. No acto tamén estiveron presentes o presidente do Tríatlon Ferrol, Cali Formoso, o concelleiro de Deporte de Ferrol, Ricardo Aldrey e o presidente da Federación Galega de Tríatlon (Fegatri), Javier Campos.

Na súa intervención, Aneiros destacou o traballo levado a cabo nos últimos 17 anos polo club organizador, o Tríatlon Ferrol, especialmente á hora de crear canteira nunha disciplina deportiva na que “Ferrol é todo un referente no panorama nacional e galego, e berce do número un do ránking mundial”, sinalou en alusión ao triatleta Javier Gómez Noya.

Preto de 300 deportistas das categorías benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil e júnior daranse cita neste campionato galego que tamén albergará a proba Pho3nix kids by Javier Gómez Noya, un circuíto de tríatlon para nenos que se celebra por toda España e que ten en Ferrol este ano a única cita fóra do calendario de competicións nacionais.

A delegada territorial destacou o gran momento que atravesa o deporte galego “onde hai máis deporte base ca nunca”, aportando a cifra dos 135.000 participantes alcanzados no programa Xogade este ano, “un dos termómetros que empregamos desde a Xunta para medir esta situación”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 12/07/2023