A Xunta sortea catro vivendas de promoción pública en Betanzos rehabilitadas no marco do Programa Rexurbe

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2023 A Xunta de Galicia realizou esta mañá o sorteo de catro vivendas de promoción pública rehabilitadas no concello de Betanzos no marco do Programa Rexurbe, unha iniciativa do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) para adquirir e recuperar edificios emprazados en conxuntos históricos co obxectivo de destinalos a alugueiro social.

As vivendas sorteadas entre os inscritos en Betanzos no Rexistro único de demandantes de vivenda corresponden aos inmobles rehabilitados nos números 3, 4 e 6 da rúa Cortadoría. Os edificios 3 e 6 acollen 1 vivenda cada un, de 2 e 3 dormitorios respectivamente, mentres que no número 4 hai 2 vivendas de 1 dormitorio cada unha. As superficies útiles destes inmobles oscilan entre os 73 e os 100 metros cadrados.

A listaxe resultante de adxudicatarios e de reservas publicarase nos taboleiros de anuncios da área provincial do IGVS e no do concello, así como na páxina web do organismo autonómico.

Data de actualización: 11/07/2023