A Xunta aposta pola actividade deportiva federada a través do apoio á actividade das federacións deportivas da comunidade

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes mantivo hoxe unha reunión con integrantes da Unión de Federacións Deportivas Galegas, que representa a estes colectivos, para abordar as liñas de colaboración co Goberno galego

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2023

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Unión de Federacións Deportivas Galegas (Ufedega), Rafael Louzán, e representantes da nova directiva para abordar as liñas da colaboración da Xunta en apoio ás federacións deportivas galegas.

Nesta liña, a Xunta mantén un convenio anual coa organización para o desenvolvemento de actuacións de formación, asesoramento e apoio ás federacións deportivas galegas. Diego Calvo puxo en valor o papel de Ufedega na promoción do deporte federado galego, así como a representación e defensa dos intereses das federacións deportivas da comunidade.

Cómpre engadir que a Administración autonómica apoia tamén ás 59 federacións representadas en Ufedega a través dos convenios anuais con cada unha delas para levar a cabo as súas actuacións e que este ano acadan o seu investimento máis elevado.

No marco destes acordos, engádense as contías relativas aos Proxectos de Especial Relevancia (PER) de cada federación, isto é, campionatos e eventos deportivos de relevancia autonómica, estatal e internacional, que se celebran na comunidade contribuíndo a situar a Galicia como referencia no ámbito deportivo. Trátase de iniciativas que forman parte do plan de promoción da igualdade dentro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado con fondos NextGenerationUE da Unión Europea.

Con este apoio da Xunta, a cidadanía ten acceso á práctica da actividade deportiva federada, e un mellor servizo por parte das federacións deportivas galegas que poden levar a cabo as súas funcións exclusivas.

A comunidade conta con 59 federacións deportivas galegas: actividades subacuáticas, aeronáutica, atletismo, automobilismo, bádminton, baile deportivo, baloncesto, balonmán, béisbol e sóftbol, billar, bolos, boxeo, caza, deportes autóctonos, ciclismo, colombicultura, colombofilia, deporte adaptado, deportes de inverno, esgrima, espeleoloxía, esquí náutico, fútbol, golf, halterofilia, hípica, hóckey, judo e deportes asociados, karate e deportes asociados, kickboxing, kung-fu, loita e deportes asociados, montañismo, motociclismo, motonáutica, natación, orientación, pádel, patinaxe, pelota, pesca e casting, petanca, piragüismo, remo, rugby, salvamento e socorrismo, squash, surf, taekwondo, tenis, tenis de mesa, tiro ao voo, tiro con arco, tiro olímpico, tríatlon e péntatlon moderno, vela, voleibol, xadrez e ximnasia. A maioría destas entidades forman parte de Ufedega.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2023