A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade Ethel Vázquez, visitou hoxe a depuradora de Baiona para presentar os resultados do sistema de optimización do consumo enerxético

O proxecto de Innovaugas permitiu reducir ata o 30% o consumo enerxético das depuradoras de Baiona, Nigrán e Gondomar e evitar a emisión á atmosfera o CO2 equivalente ao de 2.200 vehículos diésel

Vázquez Mourelle sinala que este proxecto pioneiro, aliñado coa estratexia galega de economía circular, se dirixe a acadar depuradoras de augas residuais intelixentes

Precisa que na planta de Baiona se obtivo unha redución do 30% no consumo enerxético, rexistrando unha media do 10% nas tres estacións obxecto do proxecto

Detalla que este sistema, que leva funcionando 5 meses nestas plantas, se basea na intelixencia artificial, dotando cada tratamento de sensores que avalían o seu funcionamento e controlan a calidade da auga residual á entrada

Con todos os datos recollidos, a intelixencia artificial contribúe á toma de decisións na explotación da depuradora que permitan maior eficiencia no consumo de enerxía mantendo a calidade requirida na auga que finalmente se verte ao medio

Explica que este sistema está a implantarse tamén na depuradora de Ponte Caldelas, unha planta máis pequena e que só ten tratamento físico-químico

Destaca que de despregar este proxecto en todas as depuradoras de máis de 2.000 habitantes de Galicia e lograr o aforro perseguido, acadaríase unha redución de emisións equivalente á de todos os vehículos diésel da provincia de Pontevedra

Baiona (Pontevedra), 11 de xullo de 2023

O proxecto de Innovaugas permitiu reducir ata o 30% o consumo enerxético das depuradoras de Baiona, Nigrán e Gondomar e evitar a emisión á atmosfera o CO2 equivalente ao de 2.200 vehículos diésel.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde, Jesús Vázquez Almuíña, visitou hoxe a depuradora de Baiona para presentar os resultados do sistema de optimización do consumo enerxético que se desenvolveu no marco do programa Innovaugas.

Explicou que este proxecto pioneiro, aliñado coa estratexia galega de economía circular, se dirixe a acadar depuradoras de augas residuais intelixentes. Así, activouse inicialmente nas depuradoras de Gondomar, de Nigrán e Baiona, a modo de proxecto piloto.

Detallou que a solución técnica para reducir o consumo enerxético nestas plantas baséase nun sistema innovador de explotación por intelixencia artificial. Dotouse cada tratamento de sensores que avalían o seu estado e funcionamento en continuo e controlan a calidade da auga residual á entrada da planta.

De xeito máis concreto, existen 3 niveis de control: un primeiro con dispositivos que recompilan información en tempo real sobre os procesos de depuración e consumos; un segundo, que integra algoritmos de control intelixente en tempo real dos distintos procesos e establece procedementos para optimizar o seu funcionamento; e un terceiro, que recompila os datos e achega feedback para a toma de decisións con simulacións.

Con todos os datos recollidos a intelixencia artificial contribúe á toma de decisións na explotación da depuradora que permitan unha maior eficiencia no consumo de enerxía mantendo a calidade requirida na auga que finalmente se verte ao medio.

A conselleira sinalou que este sistema leva funcionando 5 meses nas citadas depuradoras, constatando que se evitou a emisión á atmosfera de máis de 147.500 toneladas de CO2 ao ano.

Precisou que na planta de Baiona se obtivo unha redución do consumo enerxético do 30%, rexistrando nas tres depuradoras nas que está implantado o sistema unha media de redución que acada o 10%.

Explicou que en xuño decidiuse implantar e probar tamén  este sistema na depuradora de Ponte Caldelas, unha planta moito máis pequena e que só ten tratamento físico-químico.

Na depuradora de Ponte Caldelas, estase acabando de colocar os equipos, polo que este sistema está en fase de probas. Nos próximos meses, ata outubro, desenvolverase a fase de validación, que permitirá coñecer se os resultados acadados son óptimos e se é viable e acaído replicar o despregamento do sistema en depuradoras similares.

Avanzou que este sistema de redución de consumo enerxético poderá ser replicado, non só noutras desas 28 depuradoras que explota a Xunta, senón tamén nas plantas de tratamento que explotan os concellos, ao ser unha ferramenta útil para baixar o consumo e diminuír o custo enerxético. 

Incidiu en que, de despregar este sistema en todas as depuradoras de máis de 2.000 habitantes de Galicia e lograr o aforro perseguido, se acadaría unha redución de emisións equivalente á de todos os vehículos diésel da provincia de Pontevedra.

Puxo en valor o paso dado pola Xunta para avanzar no obxectivo constante de mellorar a xestión do ciclo integral da auga en Galicia e cara á neutralidade enerxética das depuradoras.

O proxecto Innovaugas 4.0 está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE) 2014-2020.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2023