A Xunta convoca a liña de apoio á conciliación e corresponsabilidade para compensar reducións de xornada laboral nas familias por coidado de menores

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a nova convocatoria que contará cun presuposto de máis de 674.000 euros

Ofreceranse ás familias apoios de 1.700 ata 3.700 euros en función da porcentaxe de redución de xornada, da duración no tempo e do número de fillas e fillos

Nos criterios de valoración darase prioridade ás familias cunha única persoa proxenitora a cargo dos coidados ou con menores con discapacidade

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2021

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha nova convocatoria anual das axudas coas que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade quere compensar a redución de xornada de traballo que asumen algunhas familias galegas para atender a fillas e fillos de ata 3 anos (ou 12 no caso de ter recoñecida discapacidade de polo menos o 33%). A Xunta de Galicia destina a estes apoios un orzamento de máis de 674.000 euros para que os fogares poidan mellorar a súa conciliación e impulsar medidas de corresponsabilidade entre mulleres e homes.

As achegas previstas irán dos 1.700 euros ata os 3.700 en función da porcentaxe de redución da xornada laboral (de polo menos o 12,5%), da súa duración (o máximo período subvencionable será de 8 meses) e do número de menores ao cargo.

Poden acceder ás axudas familias monoparentais nas que a persoa que exerce os coidados en solitario (muller ou home) se teña acollido á minoración da xornada. No caso das familias con fillos, integradas por dúas mulleres ou dous homes, poderán recibir os apoios un dos integrantes, de ter reducido a xornada. Tamén figuran entre as beneficiarias as unidades integradas por unha muller e un home, nas que este último reduza o seu horario, co obxectivo de que as traballadoras poidan seguir a desenvolver a súa carreira e incrementar o fomento da corresponsabilidade nos coidados dos menores.

Para obteren a subvención, a persoa que reduza a xornada debe ser traballadora por conta allea na empresa privada ou nas administracións públicas e/ou organismos dependentes delas, con independencia, neste último caso, de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

En todos os casos, a redución de xornada tense que ter activado entre o 1 de agosto de 2022 e o 31 de xullo de 2023 para o coidado de menores de tres anos e de ata 12 no caso de que teñan recoñecida discapacidade de, polo menos, o 33%. Poden resultar beneficiarias tamén as persoas traballadoras con menores en adopción ou acollemento familiar, sempre que non teñan transcorrido tres anos desde a súa oficialización.

Como requisitos previos, as persoas que desexen obter estes apoios, deberán estar empadroadas en calquera concello da comunidade, convivir co fillo ou fillos durante o período subvencionable, e non dispor de ingresos superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2022.

A Xunta de Galicia incorporou como novidade na convocatoria, a previsión de beneficiar persoas que teñan que reducir xornada de traballo por coidado de menores afectados por cancro ou por calquera enfermidade grave e que non reciban prestación económica algunha, regulada no sistema da Seguridade Social.

Á hora de valorar as solicitudes, a Administración autonómica dará puntuación extra tanto ás familias monoparentais como ás que conten con fillos con discapacidade, pola súa especial vulnerabilidade e maior dificultade ante a conciliación.

O prazo de solicitude permanecerá aberto desde mañá e ata o próximo 11 de agosto.  

Desde o ano 2009, no marco destes apoios para a conciliación e corresponsabilidade nos fogares, a Xunta outorgou máis de 3.400 axudas que sumaron máis de 7 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/07/2023