A Xunta adxudica máis de 23.000 m2 de solo empresarial con bonificacións por un importe de case 1 M€

A comisión executiva da empresa pública Xestur asignou cinco parcelas localizadas nos polígonos industriais de Morás, en Arteixo, e no da Sionlla, en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2023

A Xunta de Galicia adxudicou esta semana 5 parcelas de solo empresarial, que suman unha superficie total de 23.343 metros cadrados, nos parques empresariais de Arteixo e Santiago de Compostela.

O importe de adxudicación destes terreos, asignados pola comisión executiva de Xestur en réxime de compravenda, ascende a un total de 2.251.947 euros, despois de aplicar bonificacións sobre o prezo de compra por un importe de 965.120,7 euros.

Concretamente, no parque de Morás, localizado en Arteixo, adxudicáronse 2 parcelas cunha superficie de 16.133 metros cadrados e un prezo de venda de 1.465.217 euros, descontada xa a bonificación de 627.950,70 euros, equivalente ao 30% do importe.

As dúas empresas adxudicatarias de solo no polígono de Morás destinarán os terreos adquiridos a unha estación de servizo e zona comercial, nun dos casos, e á prestación de servizos de formación, asesoramento e servizos a empresas e traballadores no outro.

No que respecta ao parque empresarial compostelán da Sionlla, Xestur adxudicou outras 3 parcelas a 2 empresas pertencentes aos sectores do transporte e o comercio de froitas e hortalizas.

A superficie total adxudicada neste caso é de 7.210 metros cadrados e o prezo de adxudicación total foi de 786.730 euros, despois de descontar a bonificación aplicada do 30%, por importe de 337.170 euros.

Data de actualización: 08/07/2023