A Xunta licita o proxecto da obra de integración do PAC no centro de saúde de Outeiro de Rei

A obra permitirá que o Punto de Atención Continuada abandone a súa localización actual e se integre co centro de saúde a través dunha ampliación de 557 m2

O importe de licitación é de máis de 72.000 euros

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2023 A Xunta saca a licitación o proxecto de integración do Punto de Atención Continuada (PAC) no centro de saúde de Outeiro de Rei por 72.135,64 euros.

Esta licitación é posible grazas a que o pasado catro de maio, Xunta e Concello de Outeiro de Rei asinaron o protocolo de colaboración para a execución destas obras, que daba cobertura legal ao concello para comezar o proceso de adquisición da parcela lindeira ao actual centro de saúde, e comprometía á Xunta de Galicia a executar as obras unha vez posta a disposición a parcela necesaria.

A data límite de recepción de ofertas é o 26 de xullo, tendo dous meses para presentar os proxectos básico e de execución ademais da posterior dirección de obra.

A ampliación do centro de saúde de Outeiro de Rei figura na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, aprobado polo Consello da Xunta en outubro de 2021. Na diagnose do Plan, priorizouse a necesidade asistencial de integrar estes dous puntos de asistencia sanitaria nun mesmo espazo, así como de ampliar os espazos do actual PAC, situado nun edificio construído en 1981 como casa do médico e con dimensións e distribución pouco funcionais para o seu uso sanitario.

Nese sentido, formulouse un plan funcional que prevé unhas novas instalacións de 557,8 m2  de xeito anexo ao actual centro de saúde, que permitirán albergar un PAC cun maior tamaño das consultas de medicina e enfermería e da sala de observación que alberga o box de críticos, así como a incorporación de novos espazos, como unha sala polivalente ou vestiarios, ademais de integrar tamén a base da ambulancia localizada.

Infraestruturas de atención primaria na provincia de Lugo

Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 113 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 75.000 metros cadrados. A eles hai que engadir os seis que están en marcha (Lugo, Lalín, Arnoia, O Porriño, CIS Olimpia Valencia de Vigo e Moaña). En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Lugo, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde como os de Carballedo, Sarria, Monterroso ou O Saviñao. Nesta mesma liña, e a través de cofinanciamento cos concellos, reformáronse centros de saúde como os de Palas de Rei, Xermade, Portomarín ou Friol.

Para continuar con este esforzo, en 2021 o Goberno galego aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que no caso da provincia de Lugo, prevé a construción de seis novos centros de saúde e seis reformas e ampliacións.

Así, na capital da provincia estase a rematar a construción do Centro Integral de Saúde de Lugo, cun investimento de máis de 13 millóns de euros, e vense de adxudicar o proxecto arquitectónico da reforma do centro de saúde da Milagrosa, unha actuación que suporá un investimento de 2,5 millóns.

No distrito sanitario de Lugo, tamén están xa adxudicados os proxectos arquitectónicos do novo centro de saúde de Antas de Ulla e da ampliación do centro de saúde de Meira.

 

Data de actualización: 08/07/2023