Urxencias Sanitarias de Galicia-061 insiste en facer unha firme condena das sabotaxes e en lembrar a necesidade dun comportamento responsable nas xornadas de folga

Desde as 00.00 horas de onte, 6 de xullo, ata as 12.00 horas da mañá de hoxe, 7 de xullo, sufriron sabotaxes con picadas nas rodas 56 ambulancias da RTSU, ademais doutros actos vandálicos como pintadas ou cortes dos cintos dos vehículos

Como servizo esencial para a poboación, os servizos mínimos establecidos para a atención ás urxencias e ás emerxencias durante as xornadas de folga son do 100 % para toda a Comunidade Autónoma

A Estrada (Pontevedra), 7 de xullo de 2023 A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 condena firmemente, de novo, os actos vandálicos e as sabotaxes realizadas contra as ambulancias asistenciais da Rede de transporte sanitario urxente (RTSU) e insiste na necesidade dun comportamento responsable e consecuente durante as xornadas de folga que comezaron onte, 6 de xullo ás 00.00 horas e continuarán ata esta noite ás 23.59 horas.

Ademais, mantense unha segunda convocatoria de folga para os días 19, 20 e 21 de xullo, por mor da falta de acordo na negociación polo convenio colectivo entre a patronal e os técnicos en emerxencias sanitarias que realizan o servizo de transporte sanitario urxente e non urxente en Galicia. Cómpre lembrar que as diferencias na negociación do convenio colectivo de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia de Galicia constitúen un asunto estritamente privado das empresas do sector e das organizacións sindicais con representación nas mesmas.

Picadas nas rodas

Desde as 00.00 horas do 6 de xullo, en que comezou a folga, ata as 12.00 horas da mañá de hoxe, 7 de xullo, sufriron sabotaxes con picadas nas rodas 56 ambulancias da Rede de transporte sanitario urxente con base nos concellos de Baiona, Negreira, Carballo, Pontevedra, Oleiros, Noia, Tui, Padrón, Arbo, A Guarda, Sada; Santiago, Redondela e A Cañiza (en tres ocasións), Nigrán (en catro ocasións), Ponteareas (en sete ocasións), A Coruña (en oito) e Vigo (en 17 ocasións). Todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade.

Por outra banda, tamén se rexistraron actos vandálicos como pintadas no exterior das ambulancias ou incluso o corte dos cintos de seguridade no caso da ambulancia con base na Estrada e dunha ambulancia con base en Vigo.

Urxencias Sanitarias de Galicia-061, como servizo esencial para a poboación, mantén durante as xornadas de folga, uns servizos mínimos para a atención ás urxencias e ás emerxencias que establecen o 100 % dos recursos asistenciais da RTSU para toda a Comunidade Autónoma.

Unha vez máis, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 continúa a traballar de xeito responsable e comprometido coa poboación para garantir a cobertura sanitaria ás urxencias, de xeito que a convocatoria de xornadas de folga non prexudique a calidade da mesma e os cidadáns non se vexan privados do seu dereito a recibir a asistencia sanitaria máis adecuada ás súas necesidades. Por isto, insiste en facer un chamamento ao comportamento responsable e consecuente, ademais de esixir respecto aos bens e as persoas. 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2023