A Xunta impulsa o desenvolvemento de baterías máis eficientes para o vehículo eléctrico a través dun proxecto liderado por Ferroglobe

A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou hoxe en Arteixo na presentación de resultados da iniciativa Eco-Smart Batt, no que colaboraron as empresas Ferroglobe Innovation, ABCR Laboratorios, Enso Innovation, Artabro Tech e o centro tecnolóxico Cetim

Á iniciativa, cun orzamento total de 2,7 millóns, concedéuselle unha axuda de 1,7 millóns a través do programa de Fábrica Intelixente e Sustentable da Administración autonómica, a cuxa quinta edición se poden presentar solicitudes desde hoxe

Dotada con 24 millóns de euros, o obxectivo da convocatoria é apoiar iniciativas estratéxicas de I+D+i para seguir avanzando na transición industrial

Arteixo (A Coruña), 7 de xullo de 2023 A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá en Arteixo na presentación de resultados do proxecto Eco-Smart Batt, impulsado por un consorcio liderado por Ferroglobe. Esta iniciativa permitiu avanzar na fabricación de materiais e tecnoloxías novidosas para desenvolver baterías de ión-litio máis eficientes enerxeticamente, económicas e sustentables, con aplicacións en eidos como o do vehículo eléctrico. Ao proxecto, que contou cun orzamento total de 2,7 millóns de euros, concedéuselle unha axuda de 1,7 millóns a través do programa de Fábrica Intelixente e Sustentable da Xunta de Galicia, cofinanciado pola Unión Europa a través de fondos Feder do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Argerey lembrou na súa intervención que hoxe abre o prazo de solicitude da quinta edición deste programa, dotado con 24 millóns de euros, para apoiar proxectos de I+D e innovación de carácter estratéxico para o tecido industrial galego e que se centren no desenvolvemento de tecnoloxías dixitais e verdes fundamentais para acadar un modelo produtivo innovador.

A directora da Axencia Galega de Innovación destacou o impacto desta liña de axudas sobre o ecosistema galego de innovación na medida en que permite apoiar proxectos transformadores da industria e impulsar así a competividade da economía galega a través do coñecemento.

Ademais, puxo este proxecto como exemplo de colaboración entre organismos de investigación e o tecido empresarial, pois foi desenvolto polo consorcio integrado por Ferroglobe Innovation, ABCR Laboratorios, Enso Innovation, Artabro Tech e o centro tecnolóxico Cetim. Por último, apuntou o efecto incentivador desta orde de axudas para que as empresas desenvolvan as súas actividades de I+D+i en Galicia, como é o caso de Ferroglobe Innovation.

Argerey destacou así mesmo a achega deste proxecto á mellora da densidade enerxética, custe e sustentabilidade das baterías de ión-litio a través da investigación en novos materiais e tecnoloxías de monitoraxe, control e simulación que permitan avanzar en novos procesos de produción máis eficientes e rendibles. A empresa Ferroglobe Innovation en colaboración co centro tecnolóxico Cetim traballará ata 2025 tamén nesta liña de investigación a través da Unidade Mixta de Investigación Volta, co obxectivo de obter baterías de alta densidade enerxética, sustentables e con longa vida útil baseadas en silicio para o seu uso en mobilidade eléctrica.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2023