Rueda avanza a posta en marcha dun plan para mellorar infraestruturas nos sete campus galegos que vai mobilizar 100 M€

Resalta a importancia deste proxecto para seguir avanzando na consolidación da excelencia e calidade do sistema universitario da comunidade

Destaca que as actuacións se levarán a cabo en distintos edificios seleccionados polas propias universidades ata 2026

Salienta a continua renovación da oferta educativa galega e avanzou a posta en marcha dun sistema de graos e másteres duais que vai ser pioneiro en España

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá a posta en marcha dun Plan de Infraestruturas Universitarias co obxectivo de seguir avanzando na consolidación da excelencia e calidade do sistema universitario galego. Fíxoo durante a sinatura do protocolo de colaboración entre o Goberno autonómico e as tres universidades públicas galegas que posibilitará estas melloras e que vai mobilizar máis de 100 millóns de euros ata 2026.

 

Rueda, que estivo acompañado polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, salientou que este proxecto conxunto reforza a colaboración entre a Xunta e a educación superior, ao tempo que garante o estado óptimo dos edificios, aulas ou laboratorios dos campus. “Temos tres universidades con diferentes necesidades de rehabilitación e de facer novos edificios, necesidades de sedes dignas, modernas e adaptadas a todos os cambios que están xa aquí e os que teñen que vir e dos que as universidades teñen que ser ademais promotoras e os mellores expoñentes”, destacou.

 

A este respecto, o Goberno autonómico destinará 40 M€ –10 millóns cada ano– á mellora de espazos nos sete campus que existen na comunidade, sendo as propias universidades as que seleccionaron estas infraestruturas xa que “son as que coñecen mellor que ninguén cales son as prioridades”, apuntou o titular da Xunta. Así, serán obxecto de actuación o novo centro de Ciencias da Saúde e a remodelación da facultade de Química, en Santiago; e a integración da facultade de Formación do Profesorado no Complexo Docente, en Lugo. Ademais, o protocolo inclúe os novos edificios do CITIC 2 da Coruña, Centro de Investigación da Industria Intelixente de Ferrol; Centro de Enxeñaría Aeroespacial de Ourense e Centro de Investigación Mariña de Vigo, así como a remodelación do Hospital provincial no campus de Pontevedra.

 

“Se queremos que Galicia sexa unha terra de oportunidades e ter profesionais de excelencia que se formen aquí e se queden, iso require de moitos esforzos pero tamén un esforzo económico e apoiar o excelente sistema universitario público que temos”, salientou Alfonso Rueda, ao tempo que manifestou o desexo común de construír a Galicia do futuro para que sexa terra de oportunidades, conte con profesionais de excelencia e estea á vangarda na investigación.

 

Aposta pola ensinanza superior

O presidente da Xunta asegurou hoxe que este novo Plan de Infraestruturas supón unha proba máis do compromiso do Goberno galego coa educación superior tal e como demostra o plan de financiación a cinco anos ofrecido ás universidades para planificar as súas actividades co maior investimento da historia con máis de 3.177 M€ ata 2026 ou a conxelación das taxas universitarias desde hai 13 anos.

 

Así mesmo, Rueda salientou á continua renovación e actualización da oferta educativa dos campus galegos implantando unha vintena de novos graos nos últimos anos e avanzou a iniciativa da comunidade para poñer en marcha un sistema de graos e másteres duais que vai ser pioneiro en España.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 07/07/2023